A institución provincial renova a colaboración que lle prestou dende o inicio a esta cita musical, que, do mércores ao domingo, reúne no concello mariñano ás mellores bandas do panorama internacional de hardcore, metal e punk
Así o puxeron de manifesto os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, durante a presentación do evento e a visita ao recinto no que se celebrará que tivo lugar este luns, un acto no que tamén participaron Iván Méndez e David Méndez, director do festival e membro da organización, respectivamente, así como representantes doutras institucións e entidades colaboradoras.
García Porto destacou esta colaboración e recordou que este é “un apoio que vimos dando dende o principio, dende que se xestou esta cita musical, e que forma parte do compromiso que temos de colaborar, en todo o que sexa posible, cos concellos e co tecido produtivo para que poidan saír adiante iniciativas tan positivas para impulsar o turismo e a economía da provincia como o Resurrection Fest”.
“Este ano queremos que o Resurrection Fest viva a súa segunda resurrección, recuperando todo o que nos quitou a pandemia neste tempo”, destacou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo. Así mesmo, recordou que “estamos a falar do festival de rock duro máis importante de España, unha referencia mundial deste xénero, que destaca, por suposto, polo nivel das bandas que reúne, pero tamén polo escenario no que se celebra: a paisaxe, o patrimonio e a contorna de praias tan privilexiada que ten Viveiro, e que poden desfrutar todas as persoas que deciden vir ó Resurrection Fest”.
Pola súa banda, Mayra García valorou o impacto que ten este festival para dinamizar a actividade turística, comercial e hostaleira, non só de Viveiro, senón de toda a comarca da Mariña e puxo en valor que “nestes 17 anos, o Resurrection Fest xa se converteu nunha das sinais de identidade máis recoñecidas da provincia de Lugo”.
García Bermúdez sinalou tamén que “a resistencia deste festival dá boa conta da resistencia da comarca da Mariña, unha comarca que non quere esmorecer. Esta nova edición do Resu é un exemplo máis da capacidade de loita que temos nesta comarca e na provincia” e destacou que “o rural é capaz de levar adiante iniciativas de moitísimo calado, coma esta de proxección internacional”.
O programa
O mércores 29 de xuño arranca o Resurrection fest coas bandas Deftones, Bullet For My Valentine, Alien Weaponry, ou Bleed From Within entre outras. O xoves 30 de xuño será a quenda de grupos como Judas Priest, Opeth, Sepultura, Hamlet, Vomitory, Madball ou Me And That Man. O venres 1 de xullo, os asistentes poderán escoitar a Sabaton, Rise Against, Jinjer, Caliban, Decapitated, Lionheart, ou Amenra entre outros. O sábado 2 de xullo será o momento de bandas como Avenged Sevenfold, Mastodon, Crossfaith, Beyond The Black, Eskimo Callboy, Raised Fist, ou And So I Watch You From Afar. Finalmente, o domingo 3 de xullo pecharán estes cinco días de festival Korn, Bring Me the Horizon, Rise of the Northstar, Dagoba, Angelus Apatrida, ou Knocked Loose.