O edil de Cultura, José Díaz, animou aos artistas gráficos especializados en muralismo tanto da Mariña, de Galicia, como do mundo enteiro, a participar neste certame que leva as artes á rúa
Burela, 23 de xuño de 2022. A Delegación de Cultura do Concello de Burela anima a artistas mariñaos, da provincia de Lugo, de toda España e mesmo doutros países do mundo a participar na penúltima edición do certame de pintura Amarte que se celebrará a primeira semana de agosto deste ano 2022.
Por sexto ano consecutivo, o muro portuario continuará sendo un referente da arte mural cun espectáculo visual que se poderá seguir en directo, coincidindo coa Feira do Bonito de Burela. A tres semanas que remate o prazo de inscrición, que será o próximo 15 de xullo, xa hai entregados preto de 50 traballos, chegados tamén de varios países como Portugal, Italia, Francia, e por suposto España.
“O espazo existente fai que tan só queden dúas edicións”, explicou o edil de Cultura, José Díaz, “polo que convidamos a todos os artistas gráficos especializados en muralismo a que participen para deixar a súa obra aquí”. Nesta liña subliñou que o tempo foi consolidando a carreira artística dalgúns dos autores que pintaron un mural neste certame, “como David Catá, nome recoñecido pola súa traxectoria, Diego As, co mellor graffiti do ano 2021, ou outras persoas moi boas que compiten na liga nacional de graffitis, así como artistas locais dun alto nivel que deixaron pegada coa súa obra, o que fai do noso muro portuario un auténtico museo de arte ao aire libre, un balcón ao Cantábrico inigualable e digno de visitar”.
Serán tan só 9 os traballos seleccionados nesta sexta edición, rematando no ano 2023 esta iniciativa que tivo tan boa acollida entre veciños e visitantes. “Foi unha moi boa oportunidade para incentivar e motivar aos artistas gráficos, e tamén para crear un reclamo turístico e cultural durante a Feira do Bonito e tamén ao longo de todo o ano”, finalizou Díaz.