O galardón outorgado este ano 2022 ao Concello de Burela distingue ao municipio pola protección e educación medio ambiental
Burela, 17 de xuño de 2022. Esta mañá o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, izaron a bandeira que recoñece ao municipio co galardón “Sendeiro Azul” outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
O recoñecemento concedido neste ano 2022 destaca a “Ruta do Litoral Burelés” que descorre ao longo da costa burelá, entre as praias do Cantiño e a Marosa, poñendo en valor unha vez máis a localidade no contexto comarcal, provincial, autonómico, nacional e internacional, como punto de referencia na protección e educación ambiental.
Ademais, tamén vén a destacar a calidade da prestación de servizos e o desenvolvemento sostible do sector turístico a través de prácticas que fomentan o coidado do medio ambiente.
Tanto Llano como Eijo quixeron facer un agradecemento á ADEAC, sen esquecer “a todo o persoal desta administración local, socorristas, Protección Civil, Policía Local, e monitoras do Centro de Educación Medio Ambiental Gaia polo seu labor”, agradecendo tamén a “toda a veciñanza burelá e a todas as persoas que nos visitan acotío o seu compromiso e o seu bo actuar”.
Neste senso, hai semanas que a ADEAC destacou tamén a Burela entre os tres mellores concellos en educación e información mediombiental de toda España, unha distinción que se fundamenta no traballo constante do concello por inculcar nos distintos sectores da poboación a perspectiva da ecoloxía e o respecto ao medio.