O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, contou que “cincuenta e dous veciños da Mariña, a maioría do concello de Barreiros, pero tamén de Foz, Ribadeo e Trabada rematamos a peregrinación a Santiago de Compostela. Neste 2022 realizamos o Camiño Inglés a pe dende Ferrol, 113 quilómetros divididos en sete etapas de 17 quilómetros cada unha”.
Gómez Puente subliñou que “foron etapas moi intensas e como mariñáns, o mar danos vida, e durante as primeiras etapas: Ferrol, Neda, Pontedeume, Betanzos… fomos a carón do mar cargando as pilas polo que pasamos de facer os 17 quilómetros previstos nestas tres primeiras etapas a facer 20 das tres seguintes para así realizar a última con tranquilidade e poder asistir á misa do peregrino na Catedral de Santiago de Compostela”.
O presidente da asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños, de Barreiros, engadiu que “foron varias as motivacións para realizar o Camiño de Santiago: relixiosa, espiritual, turística ou deportiva, mais sempre tivemos un ambiente de solidariedade, compañeirismo e de recordo ao noso veciño Emilio Piñeiroa Lozano”.
Aos peregrinos aínda lles quedaron folgos para volver saír este sábado, 18 de xuño: “este sábado imos realizar un tramo do Camiño Norte de Santiago ao seu paso polo concello de Barreiros. Será un recorrido á inversa, dende a igrexa de San Xusto á igrexa de Vilamartín Pequeno, por que hai festa alí na honra a San Xoán Degolado. Espero volver a velos todos pronto. E desexo moita saúde a sorte a tódolos veciños e veciñas da Mariña”, indicou José Manuel Gómez Puente.