Barreiros, 30 de xuño de 2022. A asociación Camiñantes e Camiños, de Barreiros, organiza a Romaría de Santo Estevo do Ermo, que terá lugar este sábado, 2 de xullo.
O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explica que “a Romaría de Santo Estevo do Ermo é unha tradición de moitos anos que os veciños e veciñas de Barreiros teñen moi presente e despois da pandemia, de dous anos sen haber festa, neste 2022 a Asociación Cultural de Sedeirismo de Barreiros xunto co equipo de fútbol Celta Barreiros e coa colaboración de Barreiros Mar e Monte organizamos e propoñemos un sábado cheo de actividades. Por exemplo, ás 10:00 da mañá imos facer unha ruta a pé dende a praza do Concello ata a Capela de Santo Estevo do Ermo. Aos participantes imos entregarlles gorras e pañoletas”.
Sobre o programa Gómez Puente conta que “haberá misa cantada polo Coro Airiños do Mar de Barreiros ás 13 horas para logo realizar a procesión. Teremos sesión vermú co dúo En Clave de Ti e degustación gratuíta de empanada de sardiñas. A continuación, como é costume, haberá unha comida popular na que cada familia traerá o seu xantar. Pola tarde programamos xogos de tute e populares, teremos música con En Clave de Ti a partir das 20 horas, cea popular á nove, pola noite contaremos coa actuación do Mago Rafa a partires das 22 horas, logo nova actuación do dúo que nos acompañará durante toda a xornada e remataremos este día de romaría cunha queimada popular gratuíta ás doce da noite, na que o noso veciño Suso Marqués fará o seu particular conxuro”.
O presidente da asociación de Camiñantes e Camiños engadiu que “durate todo o día haberá unha exposición de pintura e debuxo ao aire libre e unha mostra fotográfica das anteriores romarías de Santo Estevo do Ermo”
Para José Manuel Gómez Puente “é moi importante manter as tradicións, polo que invito a que os veciños e as veciñas se acerquen e participen en harmonía, paz e amizade, estados aos que nos achega este paraxe máxico”.