Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na xornada informativa celebrada en Santiago de Compostela na que se analizaron os detalles sobre o próximo proceso electoral para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores e das súas federacións. Uns comicios que están regulados pola Orde do 29 de abril de 2014 pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, das federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e que, tal e como se expuxo na xornada, serán convocados no último cuadrimestre deste ano. Polo que a elección dos novos membros das xuntas xerais dos 63 pósitos realizarase previsiblemente cara os meses finais de 2022.
A titular de Mar salientou que estas eleccións constitúen un proceso importante para seguir analizando as problemáticas que están enriba da mesa a través da cogobernanza e o diálogo para chegar a acordos conxuntos e acadar o benestar do sector. Así, Rosa Quintana animou á participación neste proceso e sinalou que con ese obxectivo a Xunta traballa en novas ferramentas dixitais dirixidas ás confrarías de pescadores para dinamizar e facilitar este procedemento. Xunto á conselleira tamén participaron na xornada a secretaria xeral técnica, Silvia Cortiñas, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.