Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro celebra o Día das Letras Galegas con eventos durante toda a xornada

O Concello invita á cidadanía a acudir aos actos co traxe galego ou incorporando algún complemento á súa vestimenta, na iniciativa “Orgullo de ser”

Viveiro, 16 de maio de 2022. O Concello de Viveiro recorda o seu programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022, que este ano se dedica a Florencio Delgado Gurriarán. A programación deste ano abarca dende o 13 ao 22 de maio, mais as actividades centrais serán este martes, o propio día das Letras Galegas.

Así, este martes contará cu!unha ampla axenda de eventos. Ás 12:30, David Bellas, artista e profesor do conservatorio, interpretará o himno de Galicia dende o balcón da Biblioteca Municipal. Ás 13:00 haberá pasarrúas infantil e xuvenil de gaitas de “Bágoas da Terra”, mentres que ás 14:00 será o pasarrúas de “Amigos do folk”.

Ademais, dende o Concello de Viveiro invítase á cidadanía a sumarse á iniciativa “Orgullo de ser”, que propón incorporar pezas do traxe tradicional galego á súa vestimenta ou a vestirse completamente co traxe. Os escaparates dalgúns locais do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro tamén exhibirán traxes tradicionais galegos, grazas á colaboración de “Bágoas da Terra”.

A xornada pecharase ás 20:30, na Sala do Conservatorio, co “Recital música e letras”, a cargo de Rosa Lage, Víctor Rolle a Lara Fernández. Esta cita contará coa participación dos usuarios de ASPANANE de Viveiro, polo que será un evento que inclúa a persoas con diversidade funcional.

Ademais, o grupo de participación xuvenil do Concello de Viveiro colocou carteis en distintos puntos da vila, nos que se inclúen diferentes frases e refráns en galego, para dar visibilidade á lingua.

Alén das actividades propias do Día das Letras Galegas, este martes a Asociación de Veciños de Campo de Urraca exporá os seus tradicionais maios. Estas estruturas florais celebran a chegada da primavera. O Concello de Viveiro agradece á organización o seu esforzo por preservar esta tradición cultural.

Exit mobile version