Cervo, 2 de maio, 2022. O vindeiro 7 de maio as Asociacións Fervenza de Sargadelos, Fol do Raxal, e Marmeladas A Morena, organizan a VI Foliada de Cervo e unha feira de artesanía e alimentación na Praza do Souto, xunto coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Cervo.
O programa inclúe actividades e música durante todo o día. Entre elas destacan dous obradoiros, un de construción de pandeiros impartido por Xosé Maceda e outro para as crianzas de xoguetes sonoros da man de Miudiño.
A música tradicional comezará ás 12h polos bares de Cervo e Sargadelos. A Sacabeira, O Caseto de Copa, a Pousada O Almacén e a Taberna de Sargadelos ofrecerán tapas a 2,50€. Ás 14h Covagueira amenizará a sesión vermú cun concerto na Praza do Souto.
Pola tarde continuará a Foliada con grupos de toda a Mariña e, ás 22h 30, poderemos desfrutar do concerto de Airiños da Freba.
Ademais, desde as 12h até as 20h haberá feira de artesanía e alimentación. Durante a xornada celebraranse varios sorteos e tamén se ofrecerá queimada a media noite.