Verdes EQUO Galicia considera que estes servizos ferroviarios son indispensables para vertebrar a actividade social e económica entre poboacións e para transformar este medio público nun transporte de persoas e mercadorías con futuro, asegurando o dereito á mobilidade de toda a cidadanía e contribuíndo a cumprir os retos da emerxencia climática. O tren debe ser accesible, social, sostible, moderno e de calidade.
O partido verde aplaude a iniciativa das Plataformas, que coinciden no tempo cun momento crucial, o inicio da tramitación do novo Proxecto de Lei de Mobilidade Sostible. Esta normativa en tramitación pretende comprobar a rendibilidade económica de todas as infraestruturas postas en servizo desde o ano 2010, e endurecer a concesión de subvencións a aqueles traxectos que non son rendibles. Esta medida suporá, para Verdes EQUO Galicia, o principio do fin dos ferrocarrís rurais e comarcais de vía estreita.
“Fronte á mera rendibilidade económica deben prevalecer os criterios de cohesión territorial e social á hora de manter as liñas. De non ser así o Goberno estará a asinar o certificado de morte do tren convencional, especialmente nas comarcas interiores, as máis ameazadas polo despoboamento”, remarcou o covoceiro Néstor Vázquez.
Esta intención do Goberno de ir deixando morrer estas liñas ponse en evidencia coa falta de investimentos nos trazados, carencias no mantemento, polo gran número de incidencias rexistradas debido a atrasos, supresións… unha situación que está a provocar un constante e continua deterioración da calidade do servizo ferroviario.
Sobre o posicionamento dos Comités de Empresa de ADIF e RENFE, no que indican que as decisións en materia de normativa e seguridade adoptadas por ADIF, RENFE e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria van dirixidas a “cargarse a liña de proximidade á vista de todos/as” rexistrou unha pregunta no Congreso dos Deputados o grupo Verdes EQUO-Más País. Tamén se pide ao Goberno que aclare si o Proxecto de Lei de Mobilidade Sostible servirá para garantir a modernización das liñas ferroviarias de Ancho Métrico do Norte de España, ou si pola contra será o instrumento que empregue o Goberno para certificar a definitiva defunción do único sistema de mobilidade público e sostible co que contan moitas comarcas interiores do norte da Península.
Así, Verdes EQUO tamén solicitou a comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que explique as causas da deterioración acelerada que presentan as liñas de ferrocarril de vía estreita do Norte de España.