Ademais do equipo sénior, o club está creando canteira adestrando a un grupo de 16 nenos e nenas de entre 6 e 9 anos
Cervo, 16 de maio de 2022. O edil de Deportes, David Rodríguez, e o concelleiro de Protección Civil, Alfredo Fernández, recibiron este mediodía na Casa do Concello ao equipo –formado por 8 xogadores- e ao corpo técnico da sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián que veñen de firmar un ascenso a Terceira Nacional “logo dunha tempada brillante e excepcional” na que non se deixaron ningún punto “permanecendo invictos ao gañar os 16 partidos xogados”, tal e como destacou Rodríguez.
O concelleiro de Protección Civil quixo tamén poñer en valor o traballo que o C.D. San Ciprián están a facer coa base “creando canteira que permitirá que San Ciprián siga a ser un referente no mundo do tenis de mesa na provincia e en Galicia”; xa que nestes intres están a adestrar 16 nenos e nenas de entre 6 e 9 anos.
Fixéronlles entrega dunha figura de cerámica de Sargadelos como felicitación por ese ascenso logrado e desexáronlles moitos éxitos na vindeira temporada.
A sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián comezou a participar en torneos no ano 1993, logo dun longo parón, retomaron a competición no ano 2018; chegando a acadar ese ascenso a Terceira Nacional nesta tempada.