O taller está instalado na antiga nave de fundición de Sargadelos, que lle fora cedida polo Concello de Cervo no ano 2020.
O edil de Turismo, David Rodríguez, quixo compartir a primeira das experiencias cun grupo de 39 persoas procedente da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, da Coruña; en concreto alumnado e corpo docente de todo o centro, das especialidades de escultura, cerámica, ilustración e deseño de interiores.
Cao amosoulles in situ todo o proceso de desenvolvemento dun proxecto artístico, “desde a idea conceptual, pasando polos bosquexos ata chegar ao resultado final, previo paso pola forxa e o martelo para darlle a forma definitiva”.
O artesán quixo destacar que estas visitas nacen como un complemento á actividade principal que desempeña no obradoiro no que realiza pezas únicas previo encargo. Para concertar unha visita grupal ou para coñecer máis polo miúdo o seu labor pódese contactar con el a través da súa páxina web https://www.obradoiroscao.com/.
Rodríguez quixo felicitar ao artesán “por esta iniciativa pioneira de compartir o seu talento e abrir as portas do seu taller a aquelas persoas interesadas na materia que poden ver como é a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos na etapa de formación, como é o caso do alumnado da Escola Pablo Picasso”.
Cao ten o seu taller de forxa artística e escultura de metal na antiga nave de fundición de Sargadelos, que data do século XVII. Este espazo, que foi restaurado no ano 2017, foille cedido polo Concello de Cervo no ano 2020.