Site icon Crónica3.com A Mariña

Satisfacción en Foz polas 5 bandeiras azuis

A concellería de turismo destaca as bandeiras azuis para 5 praias e un sendeiro, e anuncia melloras nos areais.
Foz, 12 de maio de 2022. A Concellería de Turismo de Foz destaca as bandeiras azuis concedidas a 5 praias do municipio e ao sendeiro que vai desde A Rapadoira ata Areoura. Tamén anuncia melloras nos areais e na súa contorna.

“Desde a Concellería de Turismo manifestamos a nosa satisfacción pola concesión das 5 bandeiras azuis aos nosos areais e ao sendeiro azul que comeza na Rapadoira e percorre a costa ata Areoura. Un ano máis Foz é o concello da Mariña que conta con máis praias con este galardón: Rapadoira, Llas, Peizás, Polas e Areoura”, destacou hoxe, xoves, o concelleiro Chema Linares, quen explicou que “isto é froito do traballo continuo e constante para cumprir e mellorar todos os criterios e recomendacións necesarias para contar con este galardón”.

O concelleiro de Turismo engadiu: “durante estes anos traballamos en mellorar o entorno da praia da Rapadoira con reposición de árbores, parasoles e as mesas do merendeiro e a creación dunha zoa de sombra para persoas con mobilidade reducida. Ademais restauráronse e melloráronse paneis informativos, como o do castro de Fazouro, de Llas e das turbeiras na praia de Arealonga. Tamén se instalaron balizas indicando o sendeiro azul que percorre as nosas praias.
Recentemente procedeuse ao arranxo das escaleiras de acceso á praia de Areoura e á instalación de novas papeleiras, estabilizouse cun dique o noiro na zona central da praia de Llas e soterráronse unha parte dos contedores de lixo no paseo de Colón por parte da Concellería de Medio Ambiente, unha mostra máis da preocupación do equipo de goberno pola mellora das praias e seu entorno”.

Chema Linares resaltou tamén que “un ano máis podemos presumir da boa calidade das augas, dunha boa xestión dos residuos cunha limpeza e rozas continuas dos areais e do seu entorno, actuación que na Rapadoira levouse a cabo antes do 15 de marzo para respectar así o tempo de anidación da píllara das dunas, algo que antes non se facía. Agora mesmo estase mellorando o paseo de Llas a Peizás e seguimos traballando en accesibilidade, creando novas prazas de aparcadoiros para persoas con mobilidade reducida así como repoñendo e restaurando as pasarelas de madeira. Ademais este verán vamos incidir nas actividades de educación ambiental, moi mermadas estes anos anteriores por causa da pandemia, e realizaremos unha reposición do material de primeiros auxilios en todos os postos de socorro”.

Socorristas
Para rematar o concelleiro de Turismo sinalou: “desde o Concello esperamos cubrir todas as prazas de socorristas para este próximo verán a pesares de que a Xunta, unha vez máis, só nos concedeu subvención para 6, co que o custe volve repercutir no Concello. Seguiremos contando co persoal de apoio necesario, figura esta que deu moi bo resultado o ano pasado e que supón un complemento para os socorristas e para seguridade das nosas praias e veciños”.

Exit mobile version