Burela, 2 de maio de 2022. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, visitou esta fin de semana a Feira de Abril con motivo do convite realizado polo Lar Gallego de Sevilla, que dedicou este ano a súa caseta ao municipio de Burela.
O edil agradeceu “o acollemento e o bo trato recibido, así como a oportunidade que nos brindaron de facer esta campaña de promoción da nosa localidade en Sevilla, unha campaña que resultou totalmente exitosa polo interese que Burela espertou entre a multitude de xente que acudiu a este evento”.
Fernández Rey foi acompañado á súa chegada polo presidente do Lar Gallego, José Antonio Otero, á Casa de Galicia, “un lugar moi especial para toda a comunidade galega que reside no sur, e que tamén acudiu á feira representando o orgullo galego e o intercambio de culturas tan enriquecedor do noso país”.
O concelleiro de Turismo asistiu convidado á tradicional “Cena del Pescaíto” na caseta do Lar Gallego na Feira de Abril, na que recibiu un trato exquisito “por parte do presidente, José Antonio, da responsable de comunicación, Marián Campra, e de todos os galegos e sevillanos alí presentes”.
O Concello de Burela tivo deste xeito un oco moi especial na Feira de Abril, con motivos mariñeiros, redes, vinilos e mesmo un cadro pintado do municipio decorando esta caseta. Tamén se fixo entrega dun agasallo institucional ao presidente do Lar Gallego en nome do concello como mostra de gratitude, “moi satisfeitos con esta relación que se establece entre o norte e o sur, que ofrece a posibilidade de coñecer a nosa cultura, patrimonio, gastronomía e paisaxes, así como de poder vivir en primeira persoa como senten os andaluces un dos eventos máis sonados e importantes da súa cultura”.
Tras dous anos de parón pola pandemia, “O pescaíto” da Feira de Abril foi un dos máis multitudinarios que se lembran, o que permitiu que “moitísima xente puidera achegarse e interesarse por Burela nunha das casetas máis grandes, con máis de 800 socios”, concluíu Fernández Rey.