Ribadeo, 14 de maio de 2022. Ribadeo acolle ata a 16 de maio unha reunión de traballo do proxecto europeo Sustainable Efficient and Socially Inclusive Quality Apprendice Training, no que participa Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia).
Un total de 22 profesores de Turquía, Grecia, Italia e España danse cita en Ribadeo. Este sábado os socios do proxecto puxeron en común os traballos realizados, presentouse unha guía en formato electrónico e despois foron realizadas visitas a empresas da comarca como Hijos de Ramón Rubal ou Carrocerías Irmáns Rega. Os asistentes coñeceron este sábado Finca Galea, en Alfoz, e Mondoñedo onde visitaron un taller de fabricación de zocas, os museos de Álvaro Cunqueiro, o da imprenta e o de José Barro, ademais da Catedral.
O domingo, os profesores viaxarán pola mañá ata o concello asturiano de Taramundi, onde coñecerán o conxunto etnográfico de Teixois e varios talleres de emprendedores. E pola tarde achegaranse ata A Pontenova para visitar mina Consolo e a Tirolesa das Minas.
As sesións de traballo seguirán o luns nas instalacións de Apaga, en Ribadeo, con varios relatorios. Os asistentes a este encontro europeo visitarán a praia de As Catedrais, realizarán un percorrido guiado por Ribadeo e coñecerán as instalacións da hípica La Frontera no veciño concello de Castropol.
Este encontro europeo concluirá o luns, 16 de maio, pola noite.