Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego convida aos mariñaos a manifestarse o 17 de maio en Compostela “por un novo futuro para a lingua”

Ribadeo, 9 de maio de 2022. Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá, acompañados por representantes do audiovisual galego, que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Haberá transporte dende todas as comarcas galegas, para facilitar o desprazamento. A información dos puntos de saída estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.

A voceira de Queremos Galego na Mariña, Mónica Pazps, recordou na presentación que todos os avances para o galego se conseguiron “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Pazos advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.

A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, mais dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.

“Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advertiu. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, recordou, “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais”. “É unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego”, rematou.

Un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia.

Exit mobile version