Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o libro ‘Cruceiros, Cristo e Cruces do Concello de Xove’

Xove, 4 de maio, 2022. Este mércores presentouse a última publicación editada polo Concello de Xove: o libro Cruceiros, Cristo e Cruces do Concello de Xove, un exhaustivo estudio sobre estas figuras do noso patrimonio etnográfico. A obra está escrita por Mario Saavedra Pérez, mestre de profesión, cunha longa experiencia no traballo de campo. Como etnógrafo é integrante do Proxecto Carboeira, o cal ten como obxecto a localización, inventario e catalogación dos cruceiros da comarca da Terra Cha. Dende fai anos realiza a mesma labor de estudo e catalogación nos municipios da Mariña, tendo xa efectuado a catalogación dos cruceiros dos Concellos de Alfoz, Ourol, Valadouro, Mondoñedo e Xove.

A obra achéganos á figura dos Cruceiros e recolle un interesante catálogo co único cristo, as dezaseis cruces e os oito cruceiros inventariados no territorio de Xove. Recolle lendas e historias tanto dos que están, como daqueloutros que xa desapareceron.

O libro estará a disposición de cada domicilio do Municipio de Xove. Así, calquera membro da unidade familiar poderá achegarse polas instalacións da Casa Consistorial a recoller o seu exemplar.

Ábrese tamén a posibilidade dunha ruta guiada polo autor, que se celebrará o próximo verán, para visitar estas obras do noso patrimonio. As persoas interesadas poden preguntar no Departamento de Investigación Social do Concello.

Exit mobile version