Site icon Crónica3.com A Mariña

“Os tempos son variados / dos bardos, das idades”, por Antonio Gregorio Montes

Lingua e xente. Coido que recorrer ó Himno galego o día da lingua non ten nada de especial, como tampouco o facelo no ‘día de Galicia’. Escribo xusto antes dun 17 de maio, día das letras galegas, e non é complicado observar que o himno ten letra e que hai unha relación. Precisamente que se achegue o día das letras facilitou que, ó pasar pola feira do libro, me fixera cun exemplar facsimilar do impreso para celebrar o día de Galiza de 1935 en Lugo. Ía dicir que a Deputación Provincial, cunha caseta na feira, mo obsequiou, o cal é certo, pero coido que máis certo é dicir que o collín da caseta porque estaba para coller despois de quedar restos de edición dende o 2010 no que foi editado. Restos que polo que parece non se dan esgotado.

Ó folleto, de 16 páxinas de interior, foille engadida información sobre a edición facsímile e un escrito de Antón Bao Abelleira, daquela Vicepresidente da Deputación de Lugo. Non é a primeira vez que o vexo, pero si a primeira que o collo e leo. E que penso nel coñecendo o contido. Diso van estas letras. Sen tentar facer un ‘spoiler’, que coido que as 14 páxinas numeradas (máis anuncios da época, verbas do Vicepresidente, información de edición e portada) merecen a atención para ser coñecidas de primeira man. E, nese sentido, espero que no futuro a Deputación teña a ben facer unha nova edición, quizáis sen a intervención do Vicepresidente, aínda que entendo que foi o impulsor da edición de 2010.

O folleto inclúe o programa da banda, ó comezo, e o himno ó final. Produto dun tempo no que a escrita non estaba normalizada, nin por ser ‘normal’ escribir en galego, nin por ter un intercambio escrito fluído chegando a un consenso de norma de uso, nin por terse ditado unha ‘normativa oficial’ da escrita, no primeiro aparece como Himno mentres no final o fai como Hino.

Os textos, curtos, levan a sinatura de Ramón Otero Pedrayo, A. Villar Ponte, Manoel Murguía (xa non na terra dos vivos polo 1935 do folleto) e X. Álvarez Gallego. E, aínda o seu escaso tamaño, só podo comentar aquí algún feito das ideas, comentarios e citas que aparecen.

Fala Otero Pedrayo do ‘Estilo ardente e refleisivo da nosa Raza, as esencias eternas da Galiza’. Aínda non chegaran os tempos da unha única raza, a humana, mentres aínda hai quen segue a loitar polas esencias eternas máis que por unha Galicia inclusiva, sabendo e aprezando o noso, pero tamén o dos demais.

Fala tamén Pedrayo de que ‘A festa da Galiza abrangue o pasado i-o futuro’, non podendo estar máis de acordo, e incluíndo a necesaria perspectiva para non só coñecer e celebrar, senón valorar, aprender e prever.

Don Antón tamén menciona ‘exixencias raciais’ e ‘imperativos da terra’, nun signo de unión con Pedrayo nas ideas do tempo. Mais parece máis pesimista, aínda que sexa a modo de aviso. Fala de ‘terra morta espiritualmente na que roian os vermes da caciqueira’ ou de ‘territorio con habitantes, pero nunca un pais con alma’, dando a solución na autonomía. Algo que, despois de máis de corenta anos de aplicación do estatuto autonómico segue sendo en parte actualidade máis que futuro descartado. Claro que non cumpre o ‘Arrechegando a responsabilidade de goberno e do Parlamento o pobo’… Segue vixente a desvalorización da nosa cultura, do noso, que leva, ‘que cabería agardar, se non escravitude material e moral, pobreza e cobardía?’

Por xentileza da Deputación Provincial de Lugo, deixo colgado o folleto Día de Galiza, Lugo 1935 en internet.

Exit mobile version