Pide á administración autonómica que tome nota “da filosofía coa que traballa a institución provincial nas residencias para converter a atención sociosanitaria nunha fonte de emprego para o rural”
Concretamente, a través desta proposta reclaman que o Goberno galego, en colaboración coas administracións locais, “elabore un mapa de servizos sociosanitarios axeitado ás necesidades da poboación da provincia de Lugo”. Tamén solicitan “que se garanta o acceso ós devanditos servizos ó conxunto dos e das cidadáns da provincia, con independencia do seu lugar de residencia”.
Na iniciativa rexistrada demandan ademais que se modifique o devandito programa, “co fin de eliminar o gasto innecesario en vehículos de propaganda e convertelo nun verdadeiro programa de ampliación da atención sociosanitaria no rural”. E nesa liña, que a Xunta “tome nota da filosofía coa que traballa a Deputación de Lugo nas residencias da terceira idade para converter esta atención sociosanitaria nunha fonte de emprego para o rural”.
Operación propagandística
O programa Coidados Porta a Porta é un programa dotado con 9,5M€ procedentes dos Fondos Europeos, e pretende achegar servizos a 306 concellos e atender a 100.000 usuarios, mediante un sistema de 8 autobuses que percorrerán a xeografía galega durante 22 meses. Segundo reflicten os datos da propia información facilitada pola Xunta na súa páxina web, “estamos ante unha nova operación propagandística, na que o único que interesa é ter 8 autobuses preelectorais en ruta, de aquí ó ano 2023”, aseguran os socialistas.
O aluguer dos vehículos, innecesarios para a prestación duns servizos que se poderían dispensar en espazos habilitados polos concellos, supón o 50% do orzamento total do programa. “Resulta lamentable que os Fondos Europeos se dediquen a unha actividade como o aluguer de vehículos e a publicidade”, afirma o PSdeG.
En quendas de 3/4 días, cada concello vai recibir unha media de tres visitas destes autobuses. En 22 meses de duración do programa, isto equivale a una visita cada 7 meses, “unha cadencia que non pode poñer en práctica ningún tipo de coidado real”, asegura o Partido Socialista.
Pola universalidade dos servizos públicos no rural
O Grupo Socialista da Deputación leva defendendo a calidade e a universalidade dos servizos públicos no rural fronte ós continuos recortes aplicados pola Xunta, especialmente en Sanidade e Educación. Desta forma, “non podemos concordar cun programa deseñado con criterios electoralistas, que pensa na propaganda e non nas persoas. O acceso ós servizos públicos ten que ser permanente. A atención sociosanitaria ten que estar garantida dun xeito continuado. O Estado do Benestar debe ser unha realidade cotián nos concellos do rural, non chegar cada 7 meses nunha caravana coma se fose o circo da beneficencia”, remarcan dende o PSdeG.