Acusan ao PP de amordazar á veciñanza, “xa que se negaron a debater a proposta para instar á Xunta de Galicia a que cumpra co mandato do Parlamento Galego para a instalación da planta de fibras téxtiles de Altri na comarca da Mariña”
Cervo, 24 de maio de 2022. Os socialistas de Cervo acusan ao PP de amordazar á veciñanza, “xa que se negaron a debater a proposta para instar á Xunta de Galicia a que cumpra co mandato do Parlamento Galego para a instalación da planta de fibras téxtiles de Altri na comarca da Mariña”.
Así o anunciou hoxe o voceiro socialista, Francisco Mon quen avanzou que presentou esta moción polo tramite da urxencia in voce, na sesión plenaria celebrada o pasado xoves. “Non entendemos como Alfonso Villares e o seu goberno son capaces de negarse a debater un asunto tan transcendente para todos excepto para eles, será que non lle teñen o mais mínimo interese”, criticou o socialista.
Dende o PSdeG sinalan que presentamos esta moción “xa que nos parece unha oportunidade única para reivindicar a nosa comarca como punto estratéxico para emprazar a esta empresa, e ao mesmo tempo, ratificar o acordo do Parlamento de Galicia do pasado 8 de febreiro, asinado por tódolos grupos políticos incluído o PP, para que a instalación da planta de fibras téxtiles de Altri fose na Mariña Lucense”.
Mon explica que “tanto dende o punto de vista económico e laboral como dende o punto de vista estratéxico, a zona da mariña sería a localización máis propicia, xa que permitiría pechar o ciclo de produción de madeira en Galicia”.
O Voceiro Socialista advertiu que “os representantes da Mancomunidade de Concellos da Mariña demandaron ata en tres ocasións, reunirse cos responsables da Xunta, e lembra ademais que xa o levan solicitando dende o ano pasado, para con total claridade explicar a situación ou intentar buscar unha solución entre todos para o ben común deste asunto. Pero agora o único que alegan é que se trata dunha decisión dunha empresa privada”, dixo.
Que alternativas hai para a Mariña?
Por ultimo pregúntalle ao PP “senón ven ALTRI para a Mariña, que alternativas hai para a nosa comarca?. Cal é o proxecto ou plan Industrial, que ten a Xunta de Galicia para a Mariña Lucense?”. Por todo isto emprazou aos representantes do PP “a que se sumen esforzos para que a comarca da Mariña non sexa unha comarca de segunda. Senón queren mover un dedo pola comarca, e queren seguir desmantelando e abandonado á Mariña dígano claramente”, resumiu Mon.