Burela, 3 maio de 2022. O PP sigue ampliando a súa base na provincia de Lugo. Os populares integran en Burela a nove independentes que se presentaron ás pasadas eleccións na lista de Burela Sempre. Desta maneira, o PP de Burela prepárase para alcanzar a alcaldía nos próximos comicios locais, e devolver ao municipio o liderado que lle corresponde na Mariña e que perdeu debido á caótica xestión do actual goberno socialista. A incorporación dos independentes é o resultado da liña marcada pola dirección provincial do partido para ampliar a base da organización, reforzar a súa estrutura e manter unha continúa escoita activa das preocupacións dos veciños, co fin de buscar as mellores solucións.
A incorporación dos nove independentes procedentes de Burela Sempre prodúcese a raíz de varias reunións, a máis recente e definitiva delas celebradas na tarde-noite do pasado luns, na que os populares estiveron representados pola súa presidenta provincia, Elena Candia; o coordinador xeral e portavoz provincial, José Manuel Balseiro, e o portavoz municipal, Manuel Rouco.
Para o que foi cabeza de lista de Burela Sempre, Carlos Peinó, a incorporación ao PP representa realmente “á volta a casa”, dada a súa anterior vinculación ao partido. Está convencido de que o PP ten moitas posibilidades de conseguir a alcaldía nas próximas eleccións, e que a integración de independentes, como é o seu caso e o dos seus compañeiros, será un paso decisivo para conseguilo. “É moi importante para Burela que o próximo goberno local sexa popular, porque o municipio non se pode permitir por máis tempo o desgoberno que practican Alfredo Llano e o seu equipo”. Peinó di que tanto el como os outros independentes que se incorporan chegan con total vontade de sumar e de traballar para que o próximo goberno de Burela estea presidido por un alcalde popular.
Polo seu lado, o portavoz municipal do PP, Manuel Rouco, di que a incorporación dos independentes procedentes de Burela Sempre enmárcase no obxectivo do PP de ampliar a súa base e demostra a capacidade de diálogo que ten o Partido Popular. Sinala: “A unidade de forzas no PP é fundamental para conseguir o goberno municipal; está demostrado que a dispersión de voto só favorece aos socialistas”.
Rouco sostén que “Burela precisa un goberno popular que poña remedio á desfeita causada polo señor Llano e o seu equipo”. Está convencido de que os socialistas conseguiron “que Burela sexa hoxe o furgón de cola de A Mariña”, en vez de ocupar a posición de liderado que lle corresponde.