Site icon Crónica3.com A Mariña

“O rei emérito e Chanel”, por Marta Rodríguez Engroba

Rematei a pasada semana e comecei esta con dous personaxes que, evidentemente, nada teñen que ver entre si: O rei emérito e Chanel.

Non é, no fondo, tan estraño, habida conta de que practicamente todos os medios de comunicación, ou un gran número deles, nos bombardearon con ambos de xeito desapiadado, malia o cal teño que confesar que, a min, persoalmente, calquera dos dous me esperta pouco ou ningún interese, se ben, como supoño que a calquera cidadán que teña un pouco de sentido común, non deixa de indignarme e rechiarme ese retorno provocador, descarado e totalmente fora de lugar de quen se segue a crer monarca, que se comporta coma tal, e que se pasa polo arco do triunfo o feito de que fuxiu despois de roubarnos a todos, retornando con aires de estrela, sen dignarse sequera a desculparse, malia que, francamente, non sei que me alarma mais, se o seu comportamento claramente provocador e chulesco, ou esa multitude que o aclama coma se fora o Mesías, porque deixa patente que a nosa sociedade está enferma, moi enferma.

No que atinxe a segunda, a Chanel, non teño nada en contra dela, nin a favor.
Sinxelamente, non me interesa nin o mais mínimo e de novo incido que, gustos aparte, é alarmante ver como a nosa sociedade reacciona ante a aparición de calquera a que elevan a categoría de ídolos, e con isto non quero quitarlle méritos, que non dubido que a rapaza os terá, e seguramente moitos, e fica indiferente ante situacións verdadeiramente graves que están a suceder no noso país, ante as que se amosan totalmente indiferentes, habida conta, ademais, de que unha cousa non excluiría a outra.

Como dixen antes, ambos personaxes non teñen nada en común, pero si unha circunstancia que non podo cualificar mais que de escandalosa, e explícome.

Vou comezar recordando, non soamente o claro aumento da violencia machista que estamos a vivir no noso país, se non, puntualizando un pouco mais, o dos casos nos que, malia que as vítimas tiñan unha orde de afastamento en vigor, foron de novo agredidas ou mesmo asasinadas por non contar coa protección a que tiñan todo o dereito, no caso delas, nin seguimento de ningún tipo no caso dos agresores.

Cando algo tan sumamente grave acontece, ademais de apresurarse, aqueles que teñen responsabilidade directa nos feitos, despois do minuto de silencio e a foto de rigor, e xustamente antes de correr rapidamente unha cortina de fume, algo, por certo, que é moi doado, no momento no que se ven forzados a dar algún tipo de explicación, que tampoucos son tantos,todo hai que dicilo, porque tampouco o interese en esixila é demasiado, adoitan alegar falta de efectivos.
Non hai abondo para protexelas a todas, din, e, desde logo, todos os que traballamos con vítimas sabemos da súa escaseza, que se intensifica de xeito notable as fins de semana, especialmente cando comeza o bo tempo.

Outra cousa son os motivos.

Pero, mirade por onde, o emérito decide volver a España, nunha viaxe que se supoñía e se “vendeu” coma privada, pero que, na realidade, de privada non tivo nada, destinada, nin mais nin menos que a participar nunha regata, e tivo, a súa disposición, para a súa protección, ademais dunha caravana composta por 6 vehículos, 15 escoltas, a unidade canina, os Tedax, drons, e buzos mentres se atopaba a bordo do Bribón, a numerosos efectivos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, contando, ademais de cos antidisturbios, con mais de 80 axentes!!!! entre P. Nacional, G. Civil, e P. Municipal.

Quen dixo escaseza????.

Case ao mesmo tempo, en Madrid, Chanel ía ofrecer unha actuación, tal como rezaban os titulares, “entre fortes medidas de protección”, para o cal tamén numerosos axentes prestaron os seus servizos.
Unha vez mais, a escaseza non se fixo notar

No caso de Chanel, alegaron que fora ameazada por un fan armado, algo que ela mesma desmentiu posteriormente.
E eu pregunto, que sucede tantas e tantas veces cando unha vítima de violencia de xénero é ameazada e pide protección????? Que se lle nega, ou non se lle di que non pero, directamente, non se lle presta.

Pero claro, hai quen merece toda a protección do mundo e quen se pode xogar a vida cada día, porque, malia precisala desesperadamente, non a ten.

Onde están todos eses efectivos que esta fin de semana proliferaron para protexer a dúas…..”celebrities” cando tantas mulleres, mesmo as veces os seus fillos, son agredidos ou asasinados polas súas parellas, ex parellas ou proxenitores?.

Onde están cando moitas delas precisan acompañamento para realizar actividades tan básicas coma acudir ao seu traballo, a unha cita médica, levar aos seus fillos ao colexio, ou presentarse a unha cita xudicial e o policía ou policías designados para tal fin non aparecen por parte ningunha?.

Onde están cando, nas datas claves, como son as vacacións de verán, Nadal, etc, etc, aquelas que, por orde xudicial, precisan protección para realizar o intercambio dos menores e non se presentan?.

Ou cando salta a alarma dun dispositivo dunha vítima alertando de que o seu maltratador está preto dela e a patrulla agardada non acude?.

En menos dun mes teremos a dubidosa honra de contar de novo coa presenza do emérito en Sanxenxo, e dicir, nunhas datas nas que o verán xa terá comezado, e nas que, para as vítimas da violencia machista, a desprotección é aínda maior, porque as fins de semana dos axentes son sagradas, e ninguén lles nega ese dereito, faltaría mais!, pero sempre e cando sexan substituídos, cousa que non se fai, e non a costa de poñer vidas en risco, mais estou segura que “Sua Maxestade” non se vai atopar con ese problema, nin ningún dos axentes que alí se atopen lle dirán, como nos din a nos: “Eu tamén teño vida”.
Apostamos algo?.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Si, hai saída

Exit mobile version