Site icon Crónica3.com A Mariña

O proxecto Life da Deputación de Lugo na Serra do Xistral, exemplo de bo traballo no País Vasco

Persoal técnico e de entidades participantes no LIFE Oreka Mendian coñece esta semana os traballos realizados pola institución provincial, xunto coas universidades de Santiago e A Coruña, para a conservación e o aproveitamento sostible da riqueza ambiental do Xistral

Lugo, 11 de maio de 2022. O equipo que desenvolve o proxecto LIFE in Common Land liderado pola Deputación de Lugo coa participación das universidades de Santiago e A Coruña para favorecer a conservación e o aproveitamento sostible da Serra do Xistral manterá un encontro esta semana co persoal técnico e de entidades participantes do programa LIFE Oreka Mendian, do País Vasco, para amosarlle o traballo realizado e os resultados da iniciativa da institución provincial lucense.

Durante as xornadas de hoxe e mañá, o equipo do Life vasco, con representantes das deputacións de Guipuzkoa e Álava e da Fundación HAZI, visitarán a Serra do Xistral, onde coñecerán as actividades realizadas no marco do proxecto lucense para a conservación dos hábitats de interese comunitario, como as turbeiras e os queirogais húmidos desta zona, únicos na Europa continental, así como as actividades tradicionais desenvolvidas, entre as que se atopa a gandería de vacún extensivo e dos cabalos salvaxes, e a singularidade da titularidade comunal da terra organizada en torno ás Comunidades de Montes en Man Común.

En concreto, este mércores estarán na área de Montouto, A Balsa e Frexulfe, onde os técnicos vascos coñecerán a acción de roza e o funcionamento das Comunidades de Montes, ademais de en Miñotos, onde verán os brezais e o manexo de gandeiros e cabalos. O xoves a visita realizarase a Santo Tomé de Recaré e Vilacampa.

LIFE in Common Land é un proxecto europeo de conservación da natureza no ámbito da Serra do Xistral liderado pola Deputación de Lugo e que conta coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Ademais, un piar fundamental son as 11 comunidades de montes veciñais en man común da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.

Liña de axudas ás comunidades de montes pioneira en España
A institución valora o labor das comunidades de montes veciñais en man común tanto neste proxecto como en xeral para a conservación da Serra do Xistral, un territorio de importante valor situado na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Precisamente, a Deputación de Lugo convocou recentemente unha liña de axudas pioneira en España para recoñecer e retribuír o traballo que levan feito os comuneiros e comuneiras a través da súa actividade gandeira para manter e mellorar os hábitats deste territorio seguindo un plan de xestión deseñado no marco do LIFE in Common Land.

Na Serra do Xistral atópase un conxunto de hábitats único na Europa continental: as turbeiras e os queirogais húmidos. A conservación destes hábitats prioritarios na Unión Europea está estreitamente ligada ás actividades tradicionais, como a gandería de vacún e as bestas salvaxes, e aporta valores naturais importantes en tanto que constitúen un almacén de carbono clave no contexto do cambio climático e son reservorio de auga e de biodiversidade.

Exit mobile version