Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa ‘As parroquias en marcha’, do Concello de Ribadeo, dará comezo o vindeiro 23 de maio

Ribadeo, 13 de maio de 2022. O Concello de Ribadeo organiza o programa As parroquias en marcha, que dará comezo o vindeiro 23 de maio. Para participar nas actividades, que se desenvolverán ata o 18 de xullo e de setembro a decembro, é preciso inscribirse do 16 ao 20 de maio chamando á Casa da Xuventude ao teléfono 982 129 889. A veciñanza das parroquias de Ribadeo poderá asistir a actividades de memoria, obradoiros de novas tecnoloxías, cociña, xogos de mesa, tertulias, excursións e teatro.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo: “desde o Concello de Ribadeo queremos anunciar que volve outra vez o programa de actividades ás nosas parroquias. Nesta ocasión o nome que lle puxemos é As parroquias en marcha. É necesario volver activarnos, volver reencontrarnos cos nosos veciños e coas nosas veciñas e poder desfrutar daquelo que máis nos gusta e tamén das nosas contornas, ademais de poñer en valor os nosos locais parroquiais para facelos activos e poder convivir entre cada un de nós. Todas as actividades que temos programadas están dirixidas aos veciños e veciñas que queiran participar e sexan maiores de idade e a todas aquelas persoas que queiran compartir un tempo de lecer”.

A edil ribadense subliñou que “as actividades van ser diversas como de memoria, obradoiros de novas tecnoloxías, cociña, tertulias, xogos de mesa e sobre todo moita parola. Haberá tamén saídas e teatro, que creo que é unha boa maneira de desconectar e ser nós mesmos”.

Mariluz Álvarez Lastra explicou que “as actividades vanse facer nas diferentes parroquias do noso concello, tanto do interior como da costa. Son totalmente gratuítas e van comezar o día 23 de maio cunha primeira fase ata o 18 de xullo, e retomarémolas despois en setembro ata que remate o ano. Polo tanto, o comezo é inmediato e despois continuaremos ao longo do último trimestre”.

A concelleira de Igualdade engadiu que “para poder participar hai que chamar ao teléfono da Casa da Xuventude, entre o 16 e o 20 de maio, en horario de nove a dúas da tarde, ao número 982 129 889. Tamén vai haber unha rolda polas parroquias onde se van facer a partir do luns 23, xa que van estar as persoas que se van encargar das actividades en Ove de dez a doce da mañá e pola tarde en Remourelle entre as seis e media e as oito e media da tarde. O martes estarán en Cinxe, entre as dez e as doce, e en Vilaselán entre as seis e media e as oito e media. O mércores estarán en Rinlo entre as dez e as doce da mañá e en Ribadeo, na Casa da Xuventude, entre as seis e media e as oito e media da tarde. O xoves pola mañá estarán en Cubelas entre as dez e as doce e pola tarde nas Anzas de seis e media a oito e media. O venres estarán en Vilaframil entre as dez e as doce da mañá, de catro a seis da tarde en Couxela e entre as seis e media e as oito e media da tarde en Santalla. E o sábado estarán en Vilela entre as catro e as seis da tarde. Polo tanto, volvemos poñer as parroquias en marcha con actividades totalmente gratuítas que se van desenvolver todos os días da semana, de luns a sábado, nunha parroquia distinta. Animamos a todos a participar”.

Exit mobile version