A participación do Presidente neste evento prodúcese tras o interese mostrado xa polo Goberno de España no modelo público de residencias da Deputación como unha medida eficaz fronte ao reto demográfico, que garante o benestar dos residentes e das súas familias, favorece o arraigo, e crea emprego e actividade económica no territorio
Lugo, 27 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o único representante dunha institución provincial en España convidado polo Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao acto de presentación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Economía Social e dos Coidados, celebrado este venres na Moncloa, por ser un referente na atención ás persoas maiores.
José Tomé coñeceu de primeira man as claves do PERTE específico para desenvolver os sectores vencellados ao coidado das persoas, precisamente un dos eixos de traballo prioritarios da Deputación.
A participación de José Tomé neste evento prodúcese despois do interese mostrado xa polo Goberno de España no modelo público de residencias que ten implantado a institución lucense en pequenos concellos rurais da provincia como unha medida eficaz fronte ao reto demográfico, que garante o benestar e a tranquilidade dos residentes e das súas familias, favorece o arraigo, e crea emprego, sobre todo feminino, e actividade económica no territorio.
O modelo provincial de asistencia aos maiores tamén espertou interese en Europa, pois a Deputación xa participou en dúas ocasións na Semana Europea de Rexións e Cidades, o maior evento de política rexional que se celebra en Bruxelas, para explicar a iniciativa.
O Presidente da Deputación manifestou a súa gran satisfacción porque o Goberno de España poña a mirada no modelo asistencial da Deputación “como unha estratexia de impulso da economía social e dos coidados, que é innovadora, coa que estamos demostrando moi bos resultados e que pode ser útil para outros territorios”.
Puxo en valor o Presidente que, en sintonía co PERTE presentado hoxe, o modelo de xestión provincial é 100% público, polo que pon ás persoas no centro da atención. “O noso único obxectivo é ofrecer os mellores coidados ós maiores. Aquí non existe, nin se busca, ningunha rendibilidade económica, só social. As nosas residencias son fogares, onde os maiores forman novas familias”, engadiu.
Durante o acto celebrado hoxe na Moncloa, o Presidente do Goberno incidiu en que a política dos coidados debe ser un dos piares da recuperación económica para España e anunciou que o PERTE de Economía Social e dos Coidados, que será aprobado o vindeiro martes no Consello de Ministros, mobilizará en torno aos 800M€. Sinalou Pedro Sánchez que os proxectos se executarán progresivamente ata o ano 2026 e que se fomentará a incorporación de financiamento privado adicional de inversións responsables e sostibles.
A economía social representa a día de hoxe o 10% do PIB do país e o 12,5% do emprego, o que supón 2,2 millóns de postos de traballo en 43.000 empresas.
Os PERTE son proxectos de carácter estratéxico postos en marcha dende o Goberno de España e que contan cunha gran capacidade de arrastre no crecemento económico, o emprego e a competitividade da economía española. Ata o momento xa se aprobaron PERTEs relacionados co desenvolvemento do vehículo eléctrico, a saúde, enerxías renovables, cadea agroalimentaria ou a industria naval, entre outros.
A Vicepresidenta Segunda e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, inaugurou o acto celebrado hoxe, ao que asistiron tamén a Vicepresidenta Primeira e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; o Ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños; a Ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez; a Ministra de Sanidade, Carolina Darias; a Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra; a Ministra de Igualdade, Irene Montero, e o Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. Así mesmo, acudiron representantes dos axentes sociais e económicos do país, e do tecido asociativo e cooperativo.
A rede de residencias da Deputación
Mostra da intensidade do traballo que desenvolve a Deputación para cumprir cos compromisos cos concellos en materia de residencias é que, só no que vai de mandato, abriu catro novos centros de maiores, na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que se suman aos tres que xa estaban en marcha, en Trabada, Ribadeo e Pol. Ademais, neste ano a institución ten previsto abrir as residencias de Ribas de Sil e Navia de Suarna, co que a finais deste mandato, serán un total de 9 os centros de maiores da rede pública da Deputación en funcionamento. Así mesmo, continúa traballando no resto de proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.
A rede de residencias da Deputación de Lugo está baseada nun modelo que prima a atención, case personalizada. Cada centro conta con prazas para unha media de 30 persoas, que son atendidas por 25 traballadores e traballadoras, cunhas instalacións confortables e plenamente adaptadas ás necesidades dos maiores.