Así mesmo, pídese que esta rebaixa no combustible sexa de aplicación aos buques que fagan con habitualidade descargas e aprovisionamento en Galicia, ao tempo que se articulen medidas efectivas para que esta bonificación no prezo do combustible non sexa de aplicación a buques que, baixo bandeira de conveniencia ou con estándares sociais, económicos ou ambientais inferiores aos da UE, poidan repoñer combustible en portos españois.
BENEFICIO PARA 200 BUQUES GALEGOS
A portavoz do Mar, Teresa Egerique, explicou que “na actualidade arredor de 300 buques realizan a súa actividade pesqueira fóra de augas españolas, dos que arredor de 200 pertencen á frota galega de altura e gran altura que opera e bota combustible en outros portos lonxe de España coa mediación ou intervención directa de operadores loxísticos ou subministradores españois de hidrocarburos, pero non terán acceso ao desconto de 20 céntimos no gasóleo” aprobado polo Goberno central a través do Real Decreto-Lei 6/2022.
Egerique apuntou que a estes barcos “súmase a situación peculiar doutros 50 barcos de bandeira de países da Unión Europea que operan con habitualidade en portos galegos, efectuando descargas e aprovisionamentos en Galicia, e que tampouco teñen acceso a este desconto no combustible”.
FORTE COMPETITIVIDADE
“A isto súmase a forte competitividade á que se ve sometida a nosa frota de longa distancia fronte a outras frotas que, sen cumprir os mesmos estándares socioeconómicos e ambientais que se esixen en Europa, introducen os seus produtos para o consumo dos cidadáns comunitarios, ao que se engade a situación de desequilibrio xerada polas axudas que reciben para a súa actividade”, engadiu.
A portavoz popular rexeitou que “estas frotas, que de forma común operan baixo pavillóns de conveniencia ou de países con pouco ou nulo respecto á igualdade nos planos ambientais, sociais e económicos, poidan obter o subministro de combustible en portos españois facendo uso da rebaixa xeneralizada de prezo formulada polo Goberno central, xa que pode constituír un elemento de aproveitamento dun sistema sufragado polas frotas españolas que pagan os seus impostos ao erario nacional”.