O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que este tipo de fondo está operativo xa noutras deputacións, como son as de Badaxoz, Sevilla e Huelva
O fondo cuxa creación propón o PP estará rexido por unhas bases claras, con criterios obxectivos e consensuados. Así, segundo explica Castiñeira, os concellos de menos de 20.000 habitantes, que son os que máis dificultade teñen para acceder a financiamento, terán unha fonte de financiación provincial que lles permitirá acceder a subvencións, investimentos e operacións de crédito e tesourería, en igualdade de condicións que os concellos grandes, e tamén poder facelo sen custos engadidos.
Castiñeira sinala: “Dende o grupo provincial do PP avogamos pola transparencia e a seguridade xurídica. Así o fixemos cando solicitamos o Plan Único; no caso do financiamento será moi importante para que todos os concellos poidan obter da Deputación de Lugo un servizo máis, dentro do que é a maior competencia que ten a Deputación, que é a cooperación cos concellos”. Engade: “Estamos cansos de que o dedo do presidente ou o dos seus socios do BNG sexan decisivos para que un concello poida recibir da Deputación un dos seus servizos, como está pasando coas estradas, cos convenios de obras, cos encargos a Tragsa, co Parque Móbil, e, como denunciamos en días pasados, co financiamento a modo de anticipos”.
O portavoz popular explica que na moción se indica que nas bases “deben primarse as liñas que favorezan o asentamento de poboación no medio rural e a creación de emprego e actividade nos concellos máis pequenos, que é a razón de ser das deputacións provinciais”.