Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP impugnará o último pleno extraordinario da Deputación sobre Tragsa, por ratificar acordos nulos de pleno dereito

Lugo, 6 de maio de 2022. O Partido Popular avisou por activa e por pasiva de que na Deputación non se facían ben as cousas en canto a compra dunha acción de Traqsa, para considera a esta empresa pública como medio propio, e tampouco para encargarlle o mantemento das zonas verdes provinciais. Hoxe, o portavoz do grupo popular, Javier Castiñeira, anunciou en rolda de prensa, acompañado dos membros do grupo provincial, “que impugnaremos os acordos do pleno extraordinario celebrado pola Deputación provincial o pasado 12 de abril, convocado polo equipo de goberno para ratificar tanto o decreto de presidencia do 13 de decembro de 2019, polo que decide comprar unha acción de Tragsa, como o acordo da xunta de goberno do 27 de decembro, polo que se encarga a Tragsa o mantemento das zonas verdes provinciais”.

Castiñeira explica: “Como xa dixemos no pleno e como puidemos comprobar cos servizos xurídicos do PP, non se pode ratificar un acto que foi declarado nulo de pleno dereito por un xulgado, concretamente o Contencioso número 1 de Lugo”. Os populares apuntan que “é un acto ilegal e, polo tanto, seguimos na mesma situación inicial”. Por elo, no PP entenden que, “con mal criterio, o goberno da Deputación de Lugo, decidiu recorrer esa sentenza o que alonga e agranda o problema; cremos que esa é a intención do goberno da Deputación: alongar o problema para seguir contratando ilegalmente a Tragsa, como vén facendo nestes últimos días, nos que a Deputación presta servizos a outros concellos para que contraten a Tragsa”. Destacan que o problema “aínda é máis grave porque non existe un estudo económico que xustifique a compra da acción de Tragsa”.

Castiñeira declara: “Instamos ao equipo de goberno da Deputación a que pare de contratar a Tragsa, porque está causando un dano económico; por outro lado, queremos que se tomen en serio estas circunstancias, porque é moito o diñeiro que levamos gastado xa e hai que actuar canto antes e facelo de forma prudente como pide o PP”.

Exit mobile version