Os populares, despois de 18 meses da disolución de Suplusa, fan “un balance moi negativo” da falta de xestión do goberno provincial, porque o patrimonio procedente da sociedade provincial “está abandonado e sen uso”
Castiñeira explica: “O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, non ten máis que saír ao balcón do seu despacho e ver como está a que foi a sede de Suplusa en San Marcos: abandonada e sen uso ningún”. Os exemplos da falta de xestión do patrimonio herdado de Suplusa son moitos. Nesta liña, Castiñeira di a Tomé que “se quere pode desprazarse a Begonte ou a O Incio; no primeiro caso para ver como está a nave cedida por Manuel Mallo e toda a ferramenta que alberga sen uso ningún; no Incio, A Casona, está a caer”. Engade: “Tamén están abandonadas moitísimas parcelas, algunhas delas industriais e outras de solo rústico que estaban previstas para polígonos industriais no marco dos convenios que había con varios concellos”.
O portavoz popular aprecia “certa mala intención do goberno socialista e do BNG”. Engade: “O PP cre que non se están usando adecuadamente os fondos que deixou Suplusa á Deputación de Lugo, máis de 4,3 millóns de euros, que debían ser para poñer en valor todo ese patrimonio e cumprir cos concellos cos que se tiñan firmados convenios que aseguraban o futuro industrial de parte da provincia de Lugo”.
Castiñeira destaca que “ata agora o único que fixo o goberno da Deputación de Lugo foi encargar a Tragsa todo o que facía antes Suplusa e deixar atrás a varios traballadores que viven un mal momento e que foron obrigados a acudir aos xulgados para reclamar os seus dereitos. Entendemos que esa comisión de seguimento pode ser moi útil”.