O proxecto para a instalación deportiva ascende a 120.000 euros, con aportacións iguais do Concello, Xunta e Deputación
Rodríguez explica: “A obra de mellora do campo de fútbol de Celeiro é importante, porque carece, entre outras cousas, de algo tan necesario como son vestiarios e duchas para os equipos e para os árbitros. Podía estar feito dende hai moito tempo, pero non foi posible porque o Concello, gobernado polos socialistas, foi incapaz ata agora, e xa pasaron tres anos, de ter acabado o correspondente e necesario proxecto técnico. Unha vez máis queda de manifesto a falta de xestión do goberno presidido por María Loureiro”.
O portavoz popular no Concello explica: “A Xunta cumpre o compromiso que tiña adquirido e que non puido materializar ata agora porque o Concello non tiña proxecto. Agora o secretario xeral de Deportes, José Ramón Lete, acaba de confirmar a aportación de 40.000 euros para as obras no campo de fútbol de Celeiro. Dende o PP de Viveiro agradecemos á Xunta a paciencia que demostrou co Concello de Viveiro, porque é inexplicable que precisara tres anos para dispoñer dun proxecto tan pouco complicado como é este”.
Rodríguez tamén di: “Unha vez máis está clara a falta de capacidade de xestión do goberno presidido por Loureiro. E tamén a disposición da Xunta para colaborar en canto pode co municipio de Viveiro, para favorecer aos veciños”.