O voceiro popular explica que “foi o BNG a formación que apoiou o taxazo do goberno do señor Llano que grava a tódolos veciños e se opuxo á ambiciosa rebaixa fiscal proposta polo PP”
O popular defende que “se houbo algunha formación que estivo a carón da ACIA de Burela con propostas concretas foi o Grupo Municipal Popular”. Nese sentido, manifesta sobre as declaracións da formación nacionalista trala xunta de voceiros que “sería un tanto cómico, se non fora pola seriedade do asunto, ver que agora o BNG trate liderar e apropiarse das iniciativas propostas pola ACIA de Burela e ás que eles se opuxeron dende o comezo deste mandato, tanto cos seus posicionamentos nos plenos coma nas súas declaracións públicas”.
O voceiro lembra que “era o BNG o que dicía que non había ningún problema co mercado de Burela na zona de Torrentes e que as protestas polo cambio de localización eran infundadas e dirixidas por unha formación política como se os comerciantes ambulantes, os comerciantes e a hostalería de Burela e o resto dos veciños non tivesen criterio propio”. Para Rouco, isto “demostra a falta de respecto que lle ten a todos eles”.
O Grupo Municipal Popular, pola súa banda, “foi sensible e estivo a carón do sentir maioritario dos comerciantes ambulantes, dos comerciantes e hostaleiros da nosa vila e do resto da veciñanza”.
O BNG non evitou o taxazo a tódolos veciños
Rouco non pode entender que “o BNG veña agora a intentar capitanear a non subida de taxas que solicita a ACIA de Burela, cando foron eles os que apoiaron no pleno o taxazo do goberno socialista que grava agora a toda a veciñanza”. Ademais, “non apoiaron a proposta do Grupo Municipal Popular para unha ambiciosa rebaixa fiscal para intentar reactivar a economía e a actividade na nosa vila”.
“Parece un chiste que agora o BNG do señor Pillado, empregando un eufemismo, diga que a limpeza viaria que se está levando a cabo é francamente mellorable; tendo en conta que foron eles os que permitiron a adxudicación do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia de Burela, un 20% máis que o anterior”, explicou o voceiro. E isto a pesar de que a nosa formación advertiu dende o comezo que as teóricas melloras que se pretendían vender por parte do goberno do señor Llano coa suba do contrato eran irreais”.