O voceiro do Grupo Municipal Popular, Manuel Rouco, propuxo durante a reunión coa directiva do centro a ratificación do apoio institucional cun acordo do pleno
Rouco lamenta, en relación ao anuncio do BNG, “a súa premura por facer política dunha cuestión que estaba a ser levada coa máxima pulcritude polas distintas formacións que teñen representación na corporación municipal” en beneficio de Burela, do centro e da comunidade educativa. “Sorprende especialmente tendo en conta que a formación do señor Pillado tivo, dende o primeiro momento, un interese moderado por non dicir escaso en levar esta cuestión ao pleno do Concello”.
No que se refire á cuestión estritamente educativa, o Grupo Municipal Popular teno claro: “somos fieis defensores da FP Dual como ferramenta educativa e de inserción laboral. Non de futuro, senón xa do máis absoluto presente. A consolidación desta modalidade no ámbito sanitario en Burela é primordial”, segundo defende Rouco.
“O Bacharelato para adultos parécenos da máis absoluta xustiza que quede na nosa localidade tendo en conta a cantidade de alumnado que recibe e que pode recibir nun futuro dada a localización de Burela e o IES Monte Castelo no centro da Mariña”, engade.
O popular explica que tamén “os cursos de formación continua que leva a cabo o centro parécennos do máis apropiados para seguir actualizando a todo o alumnado que decida aproveitar esta boa oportunidade que o profesorado do IES Monte Castelo nos brinda”.