Burela, a 20 de maio de 2022. Os populares consideran “prioritario” para o futuro de Burela o polígono industrial e facilitar a construción de vivendas unifamiliares para asentar no municipio ás familias interesadas. Nese sentido, o voceiro local, Manuel Rouco, condena “a total falta de proxecto para Burela por parte do goberno do señor Llano” ao apreciar que “non dirixe nin un só euro nos anunciados plans de investimentos para desenvolver o polígono industrial ou adquirir terreos” e que “tampouco move un só dedo para evitar que os veciños interesados en asentarse en Burela teñan que buscar alternativas noutros municipios próximos”.
O voceiro popular considera que “estes son outros exemplos de que o goberno do señor Llano está a lastrar Burela e o seu futuro. Ao dificultar o desenvolvemento industrial da vila e a creación de vivendas unifamiliares, dificulta tamén o asentamento da poboación”, manifesta.
Rouco advirte que “o noso concello é o único de toda a comarca da Mariña que non ten desenvolvido un polígono industrial; a pesar de que o PXOM aprobado polo anterior goberno do PP xa contemplaba dúas zonas para desenvolver o polígono que é básico e necesario. Burela é a ubicación idónea para empresas interesadas en asentar no centro da comarca a súa forza industrial; pero non dispoñemos de polígono no que asentar empresas e xerar postos de traballo. Incluso o alcalde ten feito anuncios sobre o polígono do Perdouro; pero non hai absolutamente ningún avance para que sexa unha realidade”, apunta o popular.
“O que si é unha realidade son as queixas de persoas que queren construír a súa vivenda en Burela; pero, ante as dificultades para edificar na nosa vila, teñen que buscar outras opcións en concellos limítrofes como Foz ou Cervo”, expón Rouco. “Esta situación pode corrixirse tramitando modificacións puntuais do PXOM e desenvolvemento o planeamento urbanístico do Concello que segue paralizado. Só faría falta vontade por parte do equipo de goberno”.
O popular considera axeitadas para a construción de vivendas unifamiliares algunhas zonas coma a do Cantiño ou da Marosa, “onde se podería construír unha fachada marítima edificando na porta de arriba do novo acceso ao porto Pero é preciso desenvolver o planeamento urbanístico e darlles servizos”.