Os populares comprobaron a execución das obras que “por fin deron comezo” tanto nesta rotonda coma en parte do paseo do Cantiño
O voceiro, Manuel Rouco, sinala que “por fin deron comezo” as obras na rotonda de acceso ao porto; pero engade que “é unha mágoa que non estea rematado o seu acondicionamento antes do comezo das festas” e isto débese “á falta de dilixencia do goberno do sr. Llano e do concelleiro de obras Ramiro Fernández Rey”.
O popular explica que “nesta rotonda non vai figurar un símbolo da nosa vila: o faro de Burela”. Lembra o portavoz dos populares, Manuel Rouco, que “tanto PSOE coma BNG se opuxeron á reciclaxe de parte do molde do mesmo -concretamente, da parte superior- para ser utilizado nesta rotonda e co que darlles a benvida aos nosos visitantes”.
En relación ás obras de acondicionamento de parte do paseo do Cantiño, Rouco lembra que “dende o Grupo Municipal Popular levamos reclamando estas actuacións en varias ocasións dende o comezo deste mandato”.
Queixas dos veciños do Cantiño
Os populares apuntan que “numerosos veciños da zona seguen a trasladarnos as súas queixas” ante “a falta de iluminación na zona das mesas” e tamén debido a que, “na época de verán, o Concello non permite a colocación de máis contedores do lixo”. Isto dificulta a recollida do exceso de residuos que na época estival se xeran na zona pola presenza de máis usuarios e que “xera cheiros indesexados”.
Os veciños tamén trasladaron as súas queixas ao Grupo Municipal do PP porque “a pesar das súas reiteradas peticións, o Concello segue a negarse a poñer un contedor para o aceite usado na zona e, polo tanto, impide o adecuado tratamento do mesmo por parte dos veciños do Cantiño”.