Os populares queren que no orzamento se prevea avanzar no PXOM e fondos para elaborar o plan especial do casco antigo
Foz, 30 de maio de 2022. Un ano máis, o alcalde de Foz, Fran Cajoto (PSOE), foi incapaz de elaborar e aprobar en tempo e forma o orzamento municipal anual. Unha vez máis, o municipio chega á metade do ano sen ter aprobado o plan económico para o exercizo; é unha das mellores mostras da súa falta de xestión e de traballo. Así o sinala a concelleira popular Verónica Soto, que destaca que “a piques de rematar o mes de maio, no Concello de Foz estamos sen orzamentos municipais, a pesar de ter o goberno local máis amplo e máis caro da historia do noso Concello”. Soto confirma que o PP acaba de presentar un escrito con varias propostas, por se o equipo de goberno ten a ben coller algunha delas.
No PP, di Soto, “entendemos que o proceso natural para a tramitación do orzamentos sería reunir aos grupos, como se fixo sempre cando gobernaba o Partido Popular; o normal sería facer varias reunións de portavoces e analizar todas as propostas”. Pero parece que o alcalde vai facer como nestes últimos anos e os orzamentos non serán consensuados coa oposición. “En todo caso, o PP fai o seu traballo e presenta propostas”, sinala a concelleira.
Verónica Soto explica: “Unha delas, cremos que moi importante, é para que se manteña a titularidade da residencia da terceira idade e se siga coas axudas de emerxencia, para facilitar o acceso á mesma aos veciños de Foz”.
Outra proposta, en materia de urbanismo, “é para aprobar unha partida para seguir co plan xeral e elaborar o PEPRI para desenvolver a zona antiga”. O PP propón aprobar unha partida para a compra dos terreos aledaños ao centro de saúde, para cumprir o compromiso coa consellería de Sanidade para amplialo.
A mesma concelleira sinala que os populares propoñen tamén aprobar unha partida para un plan de emprego municipal, especialmente importante en época estival.
Soto di: “Igualmente, queremos unha partida para desenvolver o plan de mobilidade e outra para o pintado das prazas e viais dos aparcadoiros públicos recentemente pavimentados. Tamén propoñemos deseñar un plan de estradas municipais cun reparto xusto e equitativo entre as parroquias e o núcleo urbano”.
Por outra parte, manifesta que “nas nosas propostas figura a de incluír na Relación de Postos de Traballo o posto de xefe de estudos da Escola Municipal de Música”.
Outras propostas populares son as seguintes: En materia tributaria, eliminar o imposto de plusvalía e reducir o IBI e tamén que se cumpra o acordo de compensación con Forxán, porque se están incumprindo os compromisos con esta parroquia para a nova depuradora.
Outras suxestións son para ampliar os puntos wifi gratuítos e estendelos á zona rural, así como mellorar e modernizar o alumeado público especialmente nas entradas do núcleo urbano.
Soto sinala: “Esperemos que se non son aceptadas todas as nosas propostas para o orzamento, polo menos se faga uso dalgunha. Nós pretendemos participar ao máximo na elaboración dos orzamentos para o ano en curso”.