No PP cren que “é lamentable e insólito que a Deputación entre no xogo daqueles que non xestiona con rigor, como é o señor Lino Rodríguez”
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o grupo provincial do PP preguntámonos cal será o motivo polo que o señor Besteiro, o señor Campos, Tomé e o mesmo o propio BNG levan anos exercendo de cómplices útiles das actitudes e da mala xestión de Lino Rodríguez no Concello de Pol. Tomé non condenou o último incidente do señor Lino, cun afeccionado do Portomarín (non esperabamos menos do señor Tomé), a pesar de que foi un acto suficientemente grave como para que o presidente da Deputación de Lugo recriminase a actitude do alcalde socialista, que cando menos foi moi pouco exemplarizante”.
O portavoz popular indica que “o peor é que o bipartito segue abrindo as portas da casa de todos os lucenses para que o señor Lino Rodríguez siga coa súa fuxida cara adiante no caos ao que ten sometido ao Concello de Pol”. Un claro exemplo é o que denuncia o PP por boca de Javier Castiñeira: “Como Lino deixou sen liquidez ao Concello de Pol, o goberno provincial acaba de aprobarlle un adianto de 547.669 euros, para que o Concello de Pol poida facer fronte a unha subvención que lle concedeu unha terceira administración por case 840.000 euros. É dicir, o goberno da Deputación de Lugo presta cartos ao Concello de Pol para que poida acceder a unha subvención dunha terceira administración, neste caso o Estado”.
Os populares “reciben queixas de moitos alcaldes que ven esta situación como un agravio claro e absoluto e incluso dubidamos da propia legalidade deste acordo, porque moitos concellos, especialmente os máis pequenos vense obrigados a renunciar a solicitar subvencións de gran importe porque poderían poñer en risco a tesourería municipal; neste caso, o Concello de Pol está evitando unha operación de crédito ou algo similar”.
Castiñeira declara: “É lamentable e insólito que a Deputación entre no xogo daqueles que non xestiona con rigor, como é o señor Lino; xa o fixo, involucrando en meses pasados a Tragsa no Servizo da Axuda no Fogar de Pol, que o goberno municipal non é capaz de xestionar por el mesmo; a propia empresa pública está a sufrir nas súas contas a mala xestión por parte de Lino Rodríguez, coa aprobación da Deputación de Lugo”.
Os populares piden “ao goberno da Deputación que exerza con obxectividade e que non use a institución provincial de Lugo para os seus compromisos políticos, como se está a demostrar co Concello de Pol e co seu alcalde, Lino Rodríguez Ónega”.