Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pavillón da Veiga acollerá o VI Torneo de Voleibol “Concello de Cervo” este sábado

Participan o EDM Cervo, o A.D. Xiria Volei de Carballo e o Narón Volea

Cervo, 25 de maio de 2022. O Pavillón da Veiga acollerá o VI Torneo de Voleibol “Concello de Cervo” este próximo sábado 28 de maio.

O edil de Deportes, David Rodríguez, visitou ao alumnado e aos monitores desta disciplina que forma parte da oferta deportiva das Escolas Deportivas Municipais para presentar a competición “que pon punto e final a un curso excepcional” no que contamos coa participación de medio cento de mozos e mozas –sen ter en conta a categoría sénior que se integrou no C.D. San Ciprián e que sumou uns trinta rapaces/as máis-.

O edil aproveitou para felicitar ao equipo humano que dirixe os adestramentos que “son parte importante do éxito que tivo esta disciplina”, e que souberon contaxiar a súa paixón por este deporte aos/ás máis novos/as; sen dúbida é unha gran nova para Cervo –engadiu- “que o deporte, en calquera das súas facetas, forme parte do día a día da nosa mocidade”.

No campionato participarán o EDM Cervo, o A.D. Xiria Volei de Carballo e o Narón Volea, nas categorías alevín, cadete, xuvenil e sénior. Os locais enfrontaranse a clubs que xa coñecen, porque durante a tempada o Concello facilitou ata catro desprazamentos do equipo das Escolas Deportivas para que puidesen trasladar á competición os coñecementos adquiridos durante os adestramentos.

Desde as 10:00 horas, xogaranse 15 partidos de xeito practicamente ininterrompido nas categorías anteriormente citadas, ata as 23:00 horas cando se prevé que sexa a entrega de trofeos.

Desde o Concello de Cervo animan a toda á veciñanza a achegarse durante esta xornada ao Pavillón da Veiga a desfrutar dunha gran xornada de voleibol.

O programa de clausura das Escolas Deportivas Municipais Infantís completarase cunha exhibición de patinaxe artística, que terá lugar este venres, 27 de maio, no pavillón do CEIP de Cervo, a partir das 19:30 horas e cunha xornada de portas abertas de ximnasia rítimica, o próximo 6 de xuño, no pavillón da Veiga, a partir das 16:30 horas.

Exit mobile version