A través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, que foi aprobada por unanimidade
Santiago, 25 de maio de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que restableza o réxime de excepcións vixente desde o ano 2015 que excluía da obriga de cotizar como autónomo a aquelas persoas que teñan ingresos como titulares de explotacións agrarias cando non superen determinados limiares de renda e rendemento económico. “Reivindicamos, en concordancia cos principais sindicatos agrarios galegos, un tratamento adecuado para que esta agricultura poida manterse e evitar que o afán recadatorio do Goberno de Pedro Sánchez desincentive aos pequenos produtores do rural”, sinalou o deputado José Manuel Balseiro.
Na súa intervención, Balseiro criticou que “a voracidade fiscal do Goberno socialista tamén se estendeu ao agro galego e, máis en concreto, os agricultores esporádicos, que, coa reforma aprobada en 2020, obrígaos a darse de alta como autónomos, incluso se xa están cotizando por conta allea por ter outra actividade ou teñen declarados os ingresos procedentes deses cultivos”.
Esta situación motivou que se abriran expedientes a agricultores galegos para que se dean de alta como autónomos, ao tempo que o Estado obrígalles a que paguen con carácter retroactivo as cotas atrasadas de anos anteriores.
Esta excepción aplicábase seguindo uns límites en función da renda xerada pola actividade agraria ou polos rendementos obtidos da explotación. “O establecemento destes límites facía posible que moitos propietarios de explotacións pequenas e que tivesen outra actividade ou emprego non debesen cotizar pola súa actividade agraria ao considerala de forma clara un complemento de renda”, apuntou.
DURO GOLPE AO RURAL
“O Goberno de Pedro Sánchez decidiu asestar un duro golpe á economía de miles de familias dos concellos rurais, xa que a obriga de darse de alta pode supoñer un gasto medio de máis de 200 euros ao mes”, lamentou o deputado popular.
Diante desta situación de inestabilidade e sorpresa xerada entre os afectados, José Manuel Balseiro lembrou que o ministro de Agricultura recoñeceu o erro e indicou que este réxime sería modificado a través dunha instrución que, a día de hoxe, segue pendente.
“Non nos chega con declaracións de boas intencións do ministro, porque o que queremos é que ese compromiso apareza na letra do Boletín Oficial do Estado, que se garanta por lei para que non haxa lugar a malas interpretacións”, rematou.