Incluirá información e distintos materiais das patronais de Burela ao longo da historia, especialmente dos anos noventa
A publicación, que se lanzará primeiro en versión dixital e posteriormente en papel, incluirá fotografías e arquivos das festas patronais de Burela ao longo da historia, particularmente do período dos noventa tras unha recompilación de imaxes que se captaron durante eses anos.
Tal e como confirmou o edil de Cultura, Jose Díaz, “queríamos anunciar a saída inminente do libro das festas patronais deste ano, un libro moi especial despois de dous anos sen festas, cun toque retro, con fotografías entrañables e significativas de moito valor, de festas históricas que a xente máis maior seguro lembrará”, afirmou, engadindo que será “un libro moi completo, con grandes colaboradores, algo no que levamos traballando todo este tempo, sempre o facemos pero este ano con máis motivo e tamén con máis motivación”.
Unhas festas patronais moi esperadas por toda a veciñanza para tratar de recuperar a tan ansiada normalidade pre-covid, unha ilusión que se traslada tamén ao tradicional libro “co que sempre nos implicamos polo que supón, case un arquivo histórico de referencia que nos axuda a situar as festas de cada ano, case o que pasou en cada unha delas, e que ten un valor non só histórico senón tamén emocional e de conexión coa comunidade”, explicou Díaz.
Finalmente, o concelleiro de Cultura felicitou á Comisión de Festas deste ano “por todo o traballo que están facendo, encomiable, conseguindo recadar o necesario para manter o nivel do 2019”. Destacou tamén que isto só é posible pola implicación desta comisión, así como “de todo Burela, empresas, comercios pequenos e grandes, hostalería, e todos os que fan posible coa súa axuda ter unhas boas festas, que dan o pistoletazo de saída para o inicio de celebracións do calendario de verán, e nesta ocasión tamén, o comezo dun cambio xeral onde podamos desfrutar, divertirnos e compartir coa nosa xente despois destes anos de tanta incertidume”. Deste xeito, convidan a participar nunha das citas máis esperadas en Burela e que se recupera con moita ilusión.