Incluirá información e distintos materiais das patronais de Burela ao longo da historia, especialmente dos anos noventa
Burela, 11 de maio de 2022. A concellería de Cultura de Burela anuncia que esta fin de semana sairá o libro das festas patronais sobre o que levan traballando meses tanto desde esta delegación como por parte da Comisión organizadora das festas. Despois de dous anos de parón por mor da pandemia, as patronais volven con forza e, consecuentemente, o libro conterá colaboracións moi especiais e información valiosa desde un punto de vista histórico e vencellado a esta celebración.
A publicación, que se lanzará primeiro en versión dixital e posteriormente en papel, incluirá fotografías e arquivos das festas patronais de Burela ao longo da historia, particularmente do período dos noventa tras unha recompilación de imaxes que se captaron durante eses anos.
Tal e como confirmou o edil de Cultura, Jose Díaz, “queríamos anunciar a saída inminente do libro das festas patronais deste ano, un libro moi especial despois de dous anos sen festas, cun toque retro, con fotografías entrañables e significativas de moito valor, de festas históricas que a xente máis maior seguro lembrará”, afirmou, engadindo que será “un libro moi completo, con grandes colaboradores, algo no que levamos traballando todo este tempo, sempre o facemos pero este ano con máis motivo e tamén con máis motivación”.
Unhas festas patronais moi esperadas por toda a veciñanza para tratar de recuperar a tan ansiada normalidade pre-covid, unha ilusión que se traslada tamén ao tradicional libro “co que sempre nos implicamos polo que supón, case un arquivo histórico de referencia que nos axuda a situar as festas de cada ano, case o que pasou en cada unha delas, e que ten un valor non só histórico senón tamén emocional e de conexión coa comunidade”, explicou Díaz.
Finalmente, o concelleiro de Cultura felicitou á Comisión de Festas deste ano “por todo o traballo que están facendo, encomiable, conseguindo recadar o necesario para manter o nivel do 2019”. Destacou tamén que isto só é posible pola implicación desta comisión, así como “de todo Burela, empresas, comercios pequenos e grandes, hostalería, e todos os que fan posible coa súa axuda ter unhas boas festas, que dan o pistoletazo de saída para o inicio de celebracións do calendario de verán, e nesta ocasión tamén, o comezo dun cambio xeral onde podamos desfrutar, divertirnos e compartir coa nosa xente despois destes anos de tanta incertidume”. Deste xeito, convidan a participar nunha das citas máis esperadas en Burela e que se recupera con moita ilusión.