O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, quixo colaborar con outros sete centros galegos na difusión dos obxectivos do Pacto Verde, nunha iniciativa de EUROPE DIRECT A CORUÑA. Para iso, o alumnado de 1º ESO, coa axuda dos profesores Manel Yáñez e Susi Besteiro, elaboraron un vídeo que está dispoñible no espazo virtual Estación Verde baixo o título “Ribadeo en defensa da Biodiversidade” ou no seguinte enlace https://youtu.be/IjHs1ViSM44.
Explican a súa implicación na loita contra especies invasoras, concretamente contra a avespa asiática. Coa chegada da primavera, o alumnado fabrica trampas caseiras e atraínte para capturar ás raíñas da Vespa velutina e despois ademais de colocar trampas no xardín do instituto, cada alumno faise responsable da súa propia. Aínda que pareza mentira, cada raíña capturada, evitará o nacemento dunhas 25000 novas avespas asiáticas, que supoñen un perigo para as abellas, polinizadoras fundamentais dos ecosistemas.
Está claro que cada un de nós pode facer algo para conservar o Patrimonio Natural e a Biodiversidade e o alumnado do IES Ribadeo, anima a colaborar xa que coidando a biodiversidade, coidámonos a nós mesmos.