Patricia Otero lamenta que a conselleira do Mar evitase concretar medidas polo elevado prezos dos combustibles, achegar solucións ao conflito entre percebeiros e bateeiros ou dar explicacións por negar a entrada no Consello Galego de Pesca da asociación Mulleres Salgadas
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022. A deputada socialista Patricia Otero instou hoxe á Xunta de Galicia a facer uso das súas competencias para reforzar as capacidades da flota galega dentro da política pesqueira común.
Así o dixo esta tarde, no Pleno do Parlamento, en resposta á comparecencia da conselleira do Mar para dar conta do ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión do marco comunitario para o sector. “Botamos en falta”, subliñou, “moitas cousas que son necesarias para o sector” e que, de feito, xa se están incluíndo no proxecto de Lei de Pesca impulsado polo goberno central.
Ao mesmo tempo, Patricia Otero lamentou que a conselleira do Mar non aproveitase a súa intervención para avanzar solucións a outra cuestións que están a afectar na actualidade ao sector. Entre elas sinalou que “perdeu unha oportunidade única para comentar cales son as medidas complementarias para axudar neste momento tan complexo que están a atravesar polo elevado prezo dos combustibles”.
Nesta liña, afirmou que a Xunta “critica ao goberno central, pero non fai absolutamente nada, como lle reclama o sector ou como están a facer outras comunidades autónomas”. De igual xeito, Patricia Otero tamén lamentou a falta de referencias e propostas de solución ao problema entre bateeiros e percebeiros, que foi “intencionadamente creado pola súa Consellería”.
Xa no eido da igualdade de xénero, criticou que o goberno galego non explicase “por que lle está a negar a entrada no Consello Galego de Pesca á única asociación de mulleres do sector no ámbito autonómico”. Tamén reivindicou que por parte da Xunta se poña en marcha o Observatorio de Igualdade no sector da Pesca, tal e como foi acordado por unanimidade no Parlamento.
Nesta mesma liña, Patricia Otero urxiu á “plena profesionalización” das mulleres mediante o recoñecemento do seu papel e a súa integración nos sistemas nacionais de protección social. Con este obxectivo, subliñou que o recente proxecto de Lei de Pesca recolle por primeira vez “esa reivindicación histórica de tantas mulleres, que por fin verán recoñecidos ou mellorados os coeficientes redutores”. Con todo, insistiu en que se presentarán emendas “para que quede claro que as bateeiras tamén teñen dereito a eses coeficientes redutores”.
Por outra banda, Otero instou a garantir o equilibrio de xénero na incorporación de xente moza ao sector e que se teña en conta a función que as mulleres desempeñan no seu conxunto, co obxectivo de que se lles dea “maior visibilidade e asistencia ás mulleres”.
DITAME DO CONSELLO GALEGO DE PESCA
Con respecto ao ditame do Consello Galego de Pesca, a deputada socialista puxo de relevo o traballo feito polo grupo de expertos en contacto con representantes do sector e ao que tamén se convidou a facer achegas ás voceiras de Pesca dos tres grupos parlamentarios. Nesta liña, sinalou que dende o PSdeG “compartimos o documento tal e como está elaborado”.
Porén, Patricia Otero remarcou a necesidade de avanzar en algunhas cuestións como a definición da pesca artesanal e de pequena escala. A actual, dixo, exclúe aos buques que empregan artes tradicionais, polo que “teñen problemas para obter financiación e ven reducida a súa visibilidade e presenza nas estatísticas da Unión Europea”.
Por iso, reivindicou que esa revisión debe permitir elaborar unha definición común que inclúa outras características do segmento e nas que xa está a incidir tamén o proxecto de Lei de Pesca. Fixo mención ao seu baixo impacto, á diversidade estacional, a que opera a baixa escala de produción, a que respecta ciclos biolóxicos e migratorios das distintas especies ou a que ten baixos niveis de capturas accesorios. “É importante que Europa escoite que hai outras vertentes da pesca, non só a medioambiental”, resaltou.
Ademais, Patricia Otero defendeu que as cuestións de seguridade e comodidade da flota de pequena escala “non poden considerarse por separado do esforzo pesqueiro e do rendemento da pesca”. Nesta liña, dixo que “todas sabemos que a limitación de tonelaxe bruto como criterio para medir a capacidade pesqueira ten un impacto negativo na seguridade e comodidade desta flota”.
Incidiu, por exemplo, en que esta situación “limita o incentivo para substituír e modernizar os buques ou aumentar o espazo dispoñible, así como o seu atractivo para a incorporación de mozos e mulleres”.
Ademais, entre outras cuestións, a parlamentaria do PSdeG tamén reivindicou a creación dunha etiqueta de produtos do mar certificados e dun mecanismo de marca de produtos pesqueiros. “Iso”, remarcou, “animaría aos consumidores a comprar produtos do mar de orixe local e sostible e sensibilizaría sobre os produtos da flota de pequena escala”.
Finalmente, avogou por facilitar o acceso á financiación dos segmentos máis débiles da flota e harmonizar os requisitos de formación a nivel da UE así como os procedementos para o embarque, co obxectivo de que non se free a circulación de man de obra entre os estados membros e se poida garantir o relevo xeracional.