Site icon Crónica3.com A Mariña

O estacionamento no cemiterio de Foz recibirá melloras grazas ao apoio da Deputación

Foz, 13 de maio de 2022. A Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural, vén de aprobar a encarga a Tragsa para o aglomerado e pintado do estacionamento do cemiterio de Foz, na zona do Pico do Castro, e o arranxo e afirmado con zahorra do aparcadoiro do colexio público Fondo Nois.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “estes traballos parten dun convenio asinado o pasado mes entre Concello de Foz e Deputación para o arranxo dun espazo de estacionamento moi empregado polas veciñas e veciños” e mostra o seu agradecemento á Deputación de Lugo “unha vez máis polo esforzo inversor que está a facer en Foz. Esta obra, orzamentada en case 40.000 euros, dos que a Deputación aporta máis do 90 por cento, permite completar as actuacións que estamos a executar para a urbanización completa de Costa do Castro”.

Fran Cajoto destaca que “son pasos dentro dun plan global que tamén implica ao Ministerio de Transportes, que está a redactar o Proxecto de Construción do Terceiro Acceso. Coa urbanización da Costa do Castro estamos conectando Marzán con Foz cun camiño peonil seguro e permitindo que a xente que accede a pé ao cemiterio o faga sen riscos. Co acondicionamento do estacionamento dotaremos dun aparcadoiro cómodo a todos aqueles que se acheguen en vehículos privados ao cemiterio e ao novo miradoiro sobre a Ría de Foz e o Cantábrico”.

“Quero agradecer á Deputación de Lugo e neste caso á deputada de Medio Rural o apoio para poder adecuar os aparcadoiros. Sabemos que as obras son incómodas pero en Costa do Castro, onde se está procedendo á colocación dos bordillos das novas beirarrúas, xa se empeza a ver cal será o resultado final. Seguimos traballando”, remata o alcalde.

Exit mobile version