Site icon Crónica3.com A Mariña

O documental “A poeta analfabeta”, sobre a escritora Luz Fandiño, proxectarase o sábado 21 en Foz

A Vicepresidencia da Deputación financia este circuíto de cine en galego, con proxeccións en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz, Sarria e Chantada

Lugo, 11 de maio de 2022. O filme “A poeta analfabeta”, sobre a escritora e activista Luz Fandiño, proxectarase durante este mes de maio en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz , Sarria e Chantada, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación.

Trátase da segunda proxección programada neste circuíto, que contempla a exhibición dos oito filmes finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe documental e mellor longametraxe de ficción, cunha proxección cada mes durante todo o ano.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a estas proxeccións programadas nas distintas comarcas co obxectivo de achegar o cine en galego a todo o público e afianzar a demanda de produción audiovisual no noso idioma, que é algo que entendemos fundamental para avanzar na súa normalización”.

A deputada de Cultura explicou “ que se trata da terceira proxección dentro deste circuíto que promovemos xunto a Academia Galega do Audiovisual, e que xa levou outros filmes finalistas dos Mestre Mateo a estas vilas como “O Gran Camiño” e “A virxe roxa”

“A poeta analfabeta”

O documental, dirixido por Sonia Méndez e producido por Nati Juncal Portas, percorre a vida da poeta e activista Luz Fandiño, desde o seu nacemento en Santiago de Compostela en 1931, ata o seu retorno á cidade en 1979, onde reside, despois de vivir a experiencia da emigración en Arxentina e Francia. Foi en Bos Aires onde empezou a ler e escribir en galego. Autora dos poemarios Farangulliña de neve (1998), O pracer de envellecer (2014), e Espiñas e pensamentos (2016) a escritora é unha referente para as xeracións máis novas pola súa actitude rebelde e combativa.

A película foi estreada na 35 edición de Cineuropa e proxectada na 16ª edición de la Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Tamén resultou finalista na categoría de Mellor documental nos XX Mestre Mateo.

Proxeccións
Vilalba – Domingo, 15 de maio. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Instituto de Estudos Chairegos e Concello de Vilalba
Foz – Sábado, 21 de maio Casa da Cultura. 18:30 horas. Colabora Concello de Foz.
Sarria – Sábado, 21 de maio. Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen e Sociedade Recreativa La Unión.
A Pobra do Brollón – Venres, 27 de maio. Casa da Cultura Olga Novo. 20:15 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
Chantada – Sábado, 28 de maio Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Airoá Comunicación e Concello de Chantada.

Exit mobile version