Ribadeo, 9 de maio de 2022. A Concellaría de Medio Ambiente anuncia o lavado dos contedores verdes, que se realizará ao longo dos vindeiros días, así como a instalación de 40 contedores novos en diferentes puntos do concello para reforzar sobre todo as zonas onde hai máis locais hostaleiros. O edil, Jorge Díaz Freije, pide colaboración á veciñanza e tamén ao sector hostaleiro para que o lixo se deposite polas noites nos contedores correspondentes e en bolsas pechadas. Todo co obxectivo de evitar cheiros innecesarios agora que chega o calor.
O concelleiro de Medio Ambiente explicou que “durante estes días vai empezar outro lavado de contedores que é un reforzo que facemos a maiores debido a esta ola de calor que está habendo estes días. Tamén se vai apoiar cun incremento de unidades novas de contedores, que se van poñer en sitios onde máis locais hostaleiros”.
Jorge Díaz insistiu en que “necesitamos o apoio tanto dos cidadáns como dos hostaleiros con iniciativas sinxelas de senso común como pechar ben as bolsas e tirar o lixo á hora que hai que facelo, é dicir pola noite. Tamén pedimos que os hostaleiros respecten e cumpran coas diferentes ordenanzas municipais que lles afectan, coma por exemplo a das terrazas. Todas esas cousas que parecen insignificantes, pero que son importantes á hora de apoiar a limpeza da nosa vila. Temos que evitar tirar cousas ao chan e facer un uso axeitado das papeleiras. Nosoutros reforzamos en persoal como todos os anos, facemos un esforzo grande, e queremos que vaia todo aunado para que se vexa reflectido no día a día de Ribadeo”.
E engadiu que “imos contar con mobiliario novo. Son arredor de corenta unidades de contedores verdes, que instalaremos estes días, e unhas cincuenta papeleiras para poder ir cambiando aquelas que así o precisen”.