Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro remata a demolición dun edificio da rúa Melitón Cortinas, subsanando os riscos derivados do seu mal estado

Viveiro, 7 de maio de 2022. Dentro do proceso que o Concello de Viveiro realiza, con respecto ao estado de conservación dos inmobles, respectando os procedementos legais, vense requirindo aos seus propietarios para dar cumprimento á súa obriga de conservar as edificacións en condicións de seguridade, salubridade e ornato.

Cando estes requirimentos non son atendidos, por incumprimento, descoñecemento do propietario, imposibilidade de notificación, etc., o concello procede en último extremo a actúar de oficio mediante execución subsidiaria.

Nos últimos anos realizáronse mediante este procedemento varias intervencións importantes, ademais doutras execucións subsidiarias máis pequenas que se realizaron con medios propios.

Entre as intervencións importantes figura a levada a cabo con respecto ao inmoble situado en r/ Melitón Cortiñas, 26, esquina Juan García Junceda, 12. Neste sentido cabe sinalar que os traballos de demolición desta edificiación están practicamente rematados.
O expediente de orde de execución para ese inmoble iniciouse en 2019, de oficio, a raíz das labores de investigación do servizo de vixiancia urbanística. A orde de execución foi notificada aos herdeiros do titular catastral e, ao resultar infructuosa a notificación, procedeuse á publicación nos correspondentes boletíns oficiais.

Finalizado o expediente por resolución sen que se dera cumprimento á orde de execución ditada, en 2020 abriuse un novo expediente para iniciar a execución subsidiaria por parte do Concello de Viveiro. Tramitado o procedemento en virtude do artigo 44 da LPAC por resultar os titulares descoñecidos, finalmente ditouse resolución acordando a execución subsidiaria polo concello, a cargo dos titulares, dándose traslado aos departamentos correspondentes para a súa execución.

Posteriormente, despois de tramitar a preceptiva autorización sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Concello de Viveiro procedeu á demolición deste inmoble mediante execución subsidiaria, subsanando a situación existente e os riscos derivados do seu estado.

Cabe lembrar que este inmoble sufriu un incendio a finais do século pasado e que, na actualidade, unicamente quedaba en pé a fachada principal con fronte a Melitón Cortiñas e parte das fachadas laterais. Seguindo indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o escudo existente na fachada principal está custodiado en dependencias municipais e as pezas de cantería foron almacenadas para a posterior recuperación.
En todo caso, dende o Concello nas actuacións que ten que realizar mediante execución subsidiaria leva a cabo os trámites e actuacións necesarias para repercutir sobre os titulares dos bens os custos derivados destas intervencións, que se levan a cabo unha vez realizados todas as tramitacións previas.

Exit mobile version