Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo convoca 28 prazas de persoal laboral fixo descontinuo para a tempada de verán

Ribadeo, 6 de maio de 2022. O Concello de Ribadeo convoca 28 prazas de persoal laboral fixo descontinuo para a tempada de verán. Son 16 socorristas, 3 técnicos sanitarios, 5 informadores turísticos e 4 para limpeza das praias, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor sinalou que “desde o Concello de Ribadeo, con todo o ánimo de facer as cousas ben e con dilixencia, publicamos onte no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria dunha serie de prazas para persoal laboral fixo descontinuo. Son un total de 28 prazas vinculadas a determinados servizos do verán: 16 socorristas, 3 técnicos sanitarios de emerxencias, 5 informadores turísticos e 4 persoas de limpeza de praias”.

Suárez Barcia explicou que “estas 28 persoas agora, a diferenza dos anos anteriores, van ser pola modalidade de persoal laboral fixo descontinuo, en cumprimento das últimas directrices introducidas pola reforma laboral e desde o Concello vémonos obrigados a crear todas estas prazas de maneira estable. Polo tanto a partir de agora cando se convoquen os diferentes tribunais, presididos pola igualdade, mérito, capacidade e publicidade, as persoas que aproben unha praza de informador turístico serán informadores turísticos en cada época estival ao longo da súa vida, da mesma maneira que serán de limpeza de praias ou socorristas”.

O alcalde dixo que “é un primeiro paso coa publicación no Boletín Oficial da Provincia, queda que dentro de poucos días se publique este anuncio tamén, como marca a norma, no Boletín Oficial do Estado. E a partir de aí ábrese un prazo para que todas aquelas persoas que crean estar en posesión dos coñecementos e das titulacións requiridas se presenten aquí, no Concello de Ribadeo, e a ver se somos quen de que isto estea todo operativo para este período estival, que comezará dentro de pouco”.

E engadiu: “realmente desde a aprobación da reforma laboral desde o Concello de Ribadeo non perdemos un só minuto, fixemos todos os procedementos de negociación cos sindicatos do Concello, aprobouse esta proposta no pleno, publicouse posteriormente e agora, coa publicación das bases deste concurso oposición no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, iniciamos o prazo para consolidar todos estes postos de traballo”.

Exit mobile version