Mondoñedo, a 5 de maio de 2022. O Concello de Mondoñedo cede dúas parcelas da súa propiedade, no polígono industrial, para a ubicación dunha Base de Unidade Operativa, no marco do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia.
Segundo explica o goberno local, presidido por Manuel Otero, trátase de dúas parcelas que estaba adscritas a un uso dotacional e deportivo. No caso dunha delas, sométese ao pleno o cambio de uso, para ser de servizos, deixando de ser deportivo. Neste sentido, dende o Concello lembran que todo o que se está facendo de uso deportivo ten ubicación no complexo, ou no seu entorno, do pavillón polideportivo.
O Concello toma a decisión de ceder ditas parcelas, como sempre, facendo uso do principio de colaboración e cooperación entre administracións. Destaca a céntrica ubicación dos terreos. Desta maneira, Mondoñedo gaña en servizos e pon as parcelas a disposición para o futuro deseño desa base da unidade operativa.
As BUO configúranse como unha instalación profesional específica. Normalmente a superficie mínima para a súa implantación ronda os 3.000 m2, pero neste caso é posible a súa implantación cunha superficie de 2. 100 m2. Segundo as previsións, as oficinas serán un módulo de 20 x 15 m, máis os retranqueos necesarios; o garaxe debe ter uns 20 x 11 m, máis os retranqueos necesarios. Os vehículos pesados asociados, tipo motobomba, nodriza ou pick-up requiren ángulos de xiro amplos, de entre 8 e 12 metros de radio. Prevese que utilizaran as futuras instalación entre 30 e 40 persoas das brigadas da contorna (brigadista, condutores de motobomba, axentes, etcétera).
É de destacar que a Oficina Agraria Comarcal, manterá a súa sede na Rúa Pardo de Cela.