A Xunta de Galicia aportará o 70% do orzamento no marco do Plan Hurbe 2019-2022, e a administración local o 30% restante
Cervo, 11 de maio de 2022. O Concello de Cervo destinará máis de medio millón de euros -536.704,58 euros concretamente- na primeira fase de acondicionamento e rehabilitación da zona da Atalaia, en San Cibrao.
Tal e como explicou o rexedor, Alfonso Villares, a actuación prevista comprende o derrube do edificio sen habitar que o Concello logrou adquirir tras un proceso longo de negociacións e trámites administrativos a finais do pasado ano; e o acondicionamento dunha zona de esparexamento aberta ao mar, nesa contorna.
A actuación poderase materializar grazas a un acordo de cooperación entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Cervo, que foi ratificado este mesmo mediodía no pleno extraordinario celebrado na Casa Consistorial.
Grazas a este convenio, a Xunta de Galicia aportará o 70% do orzamento con fondos do Plan Hurbe 2019-2022 que responde á necesidade de humanización das vilas e dos núcleos rurais para incrementar o seu atractivo como factor determinante do equilibrio territorial.
O acordo materializarase en dúas anualidades, no 2022 e no 2023; e as obrigas financeiras do Concello de Cervo ascenden a un total de 161.011,37 euros.
Villares quixo agradecer á Xunta de Galicia a súa colaboración para poder levar adiante este ambicioso proxecto “no que levamos traballando moito tempo”; co obxectivo de acabar co feísmo, “reparando a panorámica da zona e de poñer en valor o Xacemento Arqueolóxico do Castro da Atalaia; reorganizando os accesos e percorridos, ademais de ampliar a área pública para facer labores de divulgación dos valores antropolóxicos e culturais; conseguindo humanizar toda a contorna”.
A sinatura deste acordo de cooperación é un paso máis para lograr ese fin; logo de que se aprobara definitivamente en febreiro deste ano o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia -inventariado por Patrimonio no 2007-, logo de acadar todos os informes administrativos favorables.
O plan, que delimita toda a zona afectada polo xacemento -20.000 m2-, regula os usos permitidos, compatibles e prohibidos sobre os elementos protexidos; e a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar; entre outros aspectos.