O rexedor declarou: “sabemos que o casco vello como todos os conxuntos históricos teñen problemas para lograr aparcamentos de vehículos e queremos buscar solucións para facilitar o aparcamento tanto á veciñanza coma os visitantes en xeral e reducir o tránsito de vehículos nas rúas do casco histórico”.
Suárez Barcia explicou que “levamos varios meses traballando para poder dispoñer dunha serie de parcelas no centro da vila co obxecto de crear un espazo de aparcamento e logo de conseguir a cesión temporal destas parcelas, dado que son privadas, fixémolo cos seus propietarios a través dun contrato de comodato. E encargamos aos técnicos municipais un proxecto para acondicionar este espazo amplo e poder pedir os permisos e autorizacións necesarios para levalo a cabo. De feito xa conta co visto e prace de Patrimonio de Lugo”.
O alcalde ribadense sinalou que “unha vez co proxecto xa rematado pedimos colaboración á Deputación de Lugo para poder executar esta obra, e agora cando acabamos de recibir a resolución aprobándonos esta axuda, co que podemos anunciar que este aparcamento vai ser unha realidade nos próximos tempos”.
Fernando Suárez dixo que “na execución das obras contémplase a limpeza e afirmado das parcelas, que teñen unha lixeira pendente, coa retirada da terra vexetal. A parte da superficie acondicionada pavimentarase só con saburra (zahorra) para habilitar as prazas de aparcamento, en tres filas e corredores centrais”.
O rexedor engadiu que “este aparcamento vai estar situado entre a Rúa Nova e a Rúa do Pipelo. O proxecto permitirá habilitar 70 prazas de aparcamento a carón do centro histórico e a escasos metros do Concello. Este novo servizo virá resolver moitas situacións de incomodidade para moitas veciñas e veciños residentes facilitándolles un espazo de aparcamento próximo ás súas vivendas. E o investimento da Deputación de Lugo para estas obras son uns 44.000 euros”.
Ata os terreos nos que se situará ese novo aparcamento desprazáronse o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Pablo Vizoso e Jorge Díaz, e a deputada provincial responsable da Área de Medio Rural, Mónica Freire.