O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “onte rematou a XV edición do Ribadeo de Tapeo, o concurso gastronómico pioneiro en Galicia e, precisamente, na última xornada estivemos acompañados polo xurado profesional que despois de probar as tapas participantes decidiron outorgar os premios segundo o seu criterio profesional aos seguintes establecementos: o terceiro premio foi para a tapa de El Oviedo, o segundo premio para a do Bar Queimada e o primeiro premio foi para a do Chámalle Estopa por buscar a esencia da nosa raíz. O xurado profesional, que estivo a percorrer os locais participantes ao longo dos últimos días, decidiu concederlle a Tapa de Ribadeo ao Alén, e os seus membros fixeron unha mención especial para a do Bar Queimada pola súa pureza”.
O edil ribadense dixo que “deste xeito conclúe esta edición do Ribadeo de Tapeo, organizada polo Concello de Ribadeo, que compartiu tempo e escenario con iniciativas como as Letras do Campo ou o Renacer do Cantil e que xirou arredor de concertos, presentacións, actividades lúdicas como a Gastro-Oca ou o Caldo de Gloria para colaborar coa comisión de festas; unha programación que conseguiu atraer a numerosos visitantes e que propiciou que as rúas e os establecementos de Ribadeo rexistrasen unha gran afluencia de público e de actividade”.
Vizoso Galdo engadiu que “agora quedan por coñecerse os establecementos premiados polo público, de xeito que nos vindeiros días seguiremos dando información en máis detalle e seguimos adiante co resto de programación turística, comercial e cultural para as próximas semanas”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo tivo palabras de agradecemento para os participantes no XV Ribadeo de Tapeo: “aproveito este momento para agradecer a participación e a dedicación de tódolos participantes e tamén a colaboración de tódalas persoas que fixeron posible esta programación de actividades”.